A Fundación TIC da Deputación de Lugo botouse hoxe á rúa (literalmente) para loitar contra as agresións machistas. Estamos a falar da marcha polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra este 25 de novembro pero que xa hai días que se conmemora nas nosas cidades e vilas con múltiples actividades. A de hoxe en Lugo, impulsada polo alumnado de primeiro curso de Produción da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, ao abeiro da campaña Lugo en Negro, consistiu nunha andaina colectiva pola cidade. Participaron nela centos de persoas, baixo o lema En Camiño contra as Violencias. Asemade, implicáronse o presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, e a alcaldesa Lara Méndez, amais dunha ducia de asociacións locais.
Durante a marcha, camiñantes de todas as idades encheron con paraugas negros o treito que vai da Escola de Imaxe e Son á praza de San Marcos.
Darío Campos apuntou que “esta andaina simboliza a necesidade de que camiñemos todos xuntos para erradicar definitivamente este gravísimo problema; institucións, asociacións e cidadanía temos que unirnos para lograr que nin unha soa muller máis sexa vítima dos crimes machistas”.
Segundo recalcaron Campos e Méndez, trátase da terceira marcha cidadá que as e os estudantes da EIS convocan con éxito de asistencia, na revéspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o día 25 de novembro en todo o mundo.
A actividade, que rematou na Praza de San Marcos con todos os participantes berrando “Non é non!”, arrancou na EIS coa proxectou dun vídeo elaborado polos estudantes con titulares de novas de prensa sobre os crimes machistas. Os participantes, que seguiron unha frechas negras colocadas polo alumnado ao longo do traxecto, fixeron varias paradas durante o percorrido. A primeira foi na Porta de Santiago, ao carón da placa dedicada a García Lorca, onde unha actriz representou a unha muller mantendo unha conversación telefónica co seu maltratador. A continuación pasaron pola Praza Santa María xunto a un tótem con tiras cómicas sobre o tema elaboradas polos alumnos; no templete de Praza Maior léronse letras de cancións con contidos machistas e recitouse un poema a favor da muller e a súa importancia na sociedade.
Diante do consistorio outro tótem informaba sobre a participación da Fundación TIC nas dúas primeiras edicións. Outra das paradas foi na Praza de Santo Domingo, na Árbore de Vida, coa lectura do manifesto, e rematou na Praza de San Marcos cunha actuación de danza contemporánea.
Á andaina sumáronse membros dunha decena de asociacións e colectivos lucenses. En concreto, do C.B. Breogán, C.D Lugo, Asociación de Amas de Casa, Asociación de Viúvas de Lugo, ASPNAIS, Somos Unidos por el Cáncer, Federación de Asociacións de Veciños, Asociación de Empresarios Novos e Bonhomía.
Centos de persoas participan na andaina contra a violencia machista da Fundación TIC
Compartir Este Artigo

