

Segundo fixo saber o CPEIG respecto dos métodos para conseguir navegacións de valor e protexidas, resulta de vital relevancia contarmos con contrasinais fortes, e mesmo ter un pequeno feixe deles para ir mudándoos cada pouco. O colexio tentou implicar ás nais e pais acudiron ao centro cívico, co fin de que “actúen como correa de transmisión”, orientando aos seus fillos no emprego das novas tecnoloxías. A entidade profesional tamén quixo poñer o foco no positivo das TIC, e de como ao final do camiño, malia os riscos e os usos erróneos das redes, as vantaxes prevalecen (con moito) sobre o demais: “A Internet é divertida e útil. Podes buscar información para realizar os teus traballos e tamén coñecer unha chea de persoas ou divertirte xogando”. En definitiva, as posibilidades son moitas, variadas e interesantes, pero cómpre usar o sentido común.
Amais das actividades no centro cívico, o colexio organizou en ExpoCoruña un obradoiro de pilotaxe de drons para nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos. E, finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en Internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Avendaño, participaron na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, que se celebrou no Paraninfo da Universidade da Coruña ao abeiro da Mobile Week. Reflexionouse sobre as oportunidades e desafíos que ofrecen as novas tecnoloxías, a Intelixencia Artificial, o uso de datos persoais, os datos a gran escala (Big Data) e os límites que poden formularse neste eido.
O CPEIG mostrou na Mobile Week Coruña o vieiro para unha navegación segura
Compartir Este Artigo

