Esta mañá presentouse en Galicia a primeira rede nacional de empresas baseada en blockchain, acto ao que acudiu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen salientou as vantaxes que tecnoloxías como o blockchain para avanzar no desenvolvemento da Industria 4.0 e contribuír, polo tanto, a que as empresas poidan gañar en eficiencia.
Conde salientou que o blockchain permite facer as transferencias de datos máis seguras, transparentes, eficientes e accesibles, e destacou o seu potencial aplicado a diferentes ámbitos máis alá do financeiro: no da sanidade, aplicado ao reto de conseguir administracións abertas e transparentes ou no desenvolvemento da Industria 4.0, polo modo en que axuda a unha empresa a acceder aos grandes datos dixitalizados. De feito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a colaborar no impulso desta ferramenta: en concreto, o IGAPE vén de apoiar a celebración dunha xornada organizada en Vigo polo INEO, a asociación de empresas TIC de Galicia, para a aplicación do blockchain na loxística, a eficiencia enerxética e a automoción.
Como proba de que o tecido produtivo galego está a facer deste novo paradigma dixital unha oportunidade, Conde apuntou o feito de que a multinacional china Bright Food invitase recentemente a 14 empresas galegas a participar na primeira Feira de Importación de China. Que Boeing pase a formar parte do Polo Aeroespacial de Galicia, onde está prevista unha mobilización de 164 millóns de euros. Que neste primeiro semestre do ano, o naval galego conseguise o 75% dos contratos que se adxudicaron a estaleiros galegos. Que, por exemplo, Toyota vaia construír a súa nova furgoneta en Vigo, convertendo a planta de Balaídos na que máis marcas fabrica de todo o Grupo PSA. Que Galicia sexa un referente en Compra Pública Innovadora, cun investimento previsto de 100 millóns de euros para o período 2014-2020. Ou, máis recentemente, que, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, o pasado ano o gasto de Galicia en I+D aumentase un 13,3% alcanzando case os 571 millóns de euros, converténdose na primeira comunidade en que máis aumenta e crecendo o dobre que a media estatal. Igual que o número de traballadores e traballadoras que se dedican a este sector, que aumentou un 9,6%, ata as 10.266 persoas.
O conselleiro concluíu asegurando que Galicia está en plena carreira por implantar as novas tecnoloxías dixitais no tecido empresarial e na industria, pero tamén nos servizos públicos, polo que supón en termos de progreso, benestar e competitividade económica.
Salientan as vantaxes de blockchain para avanzar na Industria 4.0
Compartir Este Artigo

