Hoxe a Deputación de Lugo inaugurou unha nova acción formativa destinada a fomentar o espírito emprendedor e innovador entre a mocidade, poñendo o foco no potencial que ofrecen as contornas non urbanas e a adaptación aos novos tempos dos sectores agrícolas, alimentarios e gandeiros, nos que Galicia segue a ser referente. A actividade, inserida no Campus de Emprendemento Sostible da Deputación, desenvolveuse no IES de Becerreá. A encargada de poñela en marcha foi a deputada de Promoción Económica Sonsoles López Izquierdo. Segundo fixo saber, o obxectivo é “sementar o xermolo do emprendemento e defender vivir no rural e do rural”.
Un total de 15 alumnos do último curso da ESO, con idades de 15 a 16 anos, participaron na actividade formativa básica, que se verá complementada os días vindeiros con visitas do alumnado ás dependencias de tres empresas rurais lucenses referenciais en innovación e proxección, todas elas con crecente presenza na Internet e nas redes sociais: Milhulloa (adicada ao cultivo de plantas medicinais e aromáticas), Arqueixal (unha granxa familiar que produce leite fresco ecolóxico, queixos e iogures) e a Artesanía Calabazas Mago de Luz (emprazada no Corgo e centrada no deseño e elaboración de lámpadas con cabazas).
O Campus de Emprendemento Sostible, para quen non o saiba, é unha iniciativa pioneira da Deputación de Lugo que busca ofrecer formación e asesoramento de balde para xerar novas oportunidades no rural fomentando e impulsando o emprendemento na provincia. Cos seus obradoiros de motivación empresarial e de ideas os participantes coñecen o significado e a importancia de situar un negocio sustentable na Reserva da Biosfera e a necesidade de crear novas fórmulas para emprender de maneira respectuosa co medio ambiente. Co obxectivo de axudar a novos emprendedores a coñecer a viabilidade dos seus proxectos, a Deputación tamén está a realizar obradoiros de maduración de ideas empresariais nos que participan persoas con avanzadas ideas de negocio e que contan, ademais, con asesoramentos personalizados no ámbito tecnolóxico, económico, comercial ou medio ambiental cara a posta en marcha dos seus negocios.
Dende a posta en marcha desta iniciativa, foron unhas 500 as persoas de todas as idades que recibiron esta formación de xeito totalmente gratuíto, creando 21 novas empresas na provincia.
A Deputación de Lugo amosa á mocidade as vantaxes e posibilidades de innovar no rural
Compartir Este Artigo

