A Fábrica de Armas da Coruña é sen dúbida un espazo de gran potencial, que, no canto de seguir o camiño da degradación, pode revivir achegando novos vieiros de actividade redunden en beneficio das nosas empresas e da sociedade. Este é o vieiro polo que apostan o Concello, a Universidade, o Clúster TIC e maila Deputación, que están a xuntar forzas para que a vella fábrica militar sexa agora un centro de coñecemento e innovación: a Cidade das TIC.
Se os días pasados informamos da presentación do proxecto por parte da UDC e dos apoios que está a procurar o Concello, hoxe a Deputación da Coruña moveu ficha a prol desta transformación sustentable da Fábrica de Armas (un espazo urbano en degradación) ante o ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque. O presidente da Deputación, Valentín González, tamén pediu en Madrid o apoio firme do secretario de Estado de Política Científica e ex presidente do CSIC, Rafael Rodrigo.
González Formoso explicou aos máximos responsables do Ministerio de Ciencia “a importancia clave que para a cidade da Coruña e para Galicia” ten a futura Cidade das TIC da Coruña, “un proxecto impulsado pola Universidade da Coruña e o Clúster TIC Galicia e chamado a converterse no maior centro tecnolóxico de Galicia, que precisa que sumemos todo o apoio institucional posible para facelo realidade”.
O presidente da Deputación tamén lles fixo saber que a iniciativa conta co visto e prace do Ministerio de Defensa, pero que o empurrón definitivo conseguiríase, a nivel estatal, co respaldo do Ministerio de Ciencia e Innovación. González Formoso recoñeceu que o talante deste departamento gobernamental está a ser positivo: “Cónstame que o ministerio é sensible e coñecedor da dimensión estratéxica desta iniciativa para diversificar a economía da cidade, creando un polo tecnolóxico que será garantía para o futuro da comarca coruñesa”, afirmou.
O presidente provincial lembrou tamén que o plan de conversión da fábrica militar é unha proposta que vai “alén do ámbito local e afecta a toda provincia da Coruña, permitindo apostar pola industrialización, o desenvolvemento e a transferencia tecnolóxica e de coñecemento entre a universidade e as empresas”.
Por outra banda, fixo un repaso polos que serían os seus principais ámbitos de traballo: a análise e a xestión de datos a gran escala (o Big Data), a Intelixencia Artificial, os servizos biodixitais, ou a ciberseguridade. A maiores, dixo, cumpriría engadir ao devandito a aposta da UDC pola especialización coa posta en marcha do Campus Innova, que ten como misión afondar nas fortalezas arredor das TIC, na súa hibridación con outras áreas de coñecemento como a enxeñería civil, as telecomunicacións, a aeronáutica ou a bioloxía.
O presidente da Deputación salientou “a sensibilidade e o interese” mostrados polo ministro Pedro Duque no proxecto e convidouno a visitar a cidade da Coruña e coñecer a iniciativa “de primeira man”.
A Deputación da Coruña move ficha para lograr o apoio de Pedro Duque á Cidade das TIC
Compartir Este Artigo

