A nosa terra está a ser referente en tecnoloxías relacionadas co transporte aéreo e espacial, innovador e intelixente. A todo o que se está a desenvolver no polo das Rozas (Lugo), na Universidade de Vigo, no ITG ou dende empresas como Aerocamaras e as implicadas en Litter Drone, por poñer só uns exemplos, cómpre engadir o que se vai concibir e lanzar ao abeiro do programa de aceleración aeronáutica Business Factory Aero (BFAero), que ten aberto arestora o prazo para a inscrición proxectos, a través de www.bfaero.es ata o 28 de febreiro (ás 14.00 horas) e que, segundo salientan as entidades que o impulsan, trátase do programa mellor dotado economicamente de toda Europea.
Para quen non o saiba, trátase da primeira aceleradora galega especializada no sector aeronáutico, posta en marcha pola Xunta de Galicia co respaldo de empresas referentes no sector como Indra e Babcock, e co apoio do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), así como da Fundación da Confederación de Empresarios de Lugo.
Segundo fan saber, a iniciativa busca solucións innovadoras no sector aeronáutico e de vehículos non tripulados (UAV e USV). Para isto, seleccionaranse de entre todas as candidaturas que se reciban estes días (ata o día 28) un total de seis proxectos, dos que tres se incorporarán para incubación e os outros tres restantes para aceleración. As iniciativas admitidas na aceleradora disporán do apoio económico da Xunta de Galicia, accedendo a un financiamento a fondo perdido de ata 100.000 euros na fase de incubación e de 50.000 en aceleración. A maiores, optarán a un financiamento en forma de préstamos de Indra (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Tamén en aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros de Xesgalicia.
Ademais, a media de ducia de propostas elixidas poderán facer uso dos espazos de coworking, oficinas individuais equipadas, aulas de formación e servizos de asesoramento técnico que pon á súa disposición a Fundación CEL, así como das instalacións do complexo do aeródromo de Rozas, onde os proxectos participantes poderán utilizar os drons de Indra e Babcock (Targus e Lua) e outros equipamentos especializados do ámbito da Civil UAV Initiative.
O prazo para presentarmos proxecto á aceleradora BFAero remata esta semana
Compartir Este Artigo

