Semella que a inminente estrea da derradeira tempada de Game of Thrones está a servir para dinamizar o mercado dos contidos baixo demanda, e ao igual que a aplicación de HBO chegou hai pouco a televisores LG, agora temos o desembarco español de FuboTV, un novo servizo televisivo en liña que ofrece principalmente os contidos de Movistar Series sen ter que contratar con Movistar, achegando tanto os contidos en vivo como á carta cunhas condicións bastante favorables, xa que esta plataforma non ten compromiso de permanencia.
Aparte de Movistar Series a plataforma de FuboTV tamén conta con canles propias da TDT en aberto (de RTVE e Atresmedia), conta con función de gravación (con ata 30 horas de almacenamento na nube) e pode consumirse en ordenadores persoais e dispositivos móbiles (sendo compatible tamén con Apple TV e Chromecast).
A cota de subscrición a FuboTV é de 4,99 euros/mes, aínda que tal cantidade baixa aos 3,99 euros/mes se pagamos trimestralmente ou 2,99 euros/mes se pagamos anualmente, o que pode resultar bastante atractivo para quen desexe acceder aos contidos de Movistar Series e non sexa cliente de Movistar. Amais, dado que Movistar Series incorpora a vindeira tempada de Game of Thrones na súa oferta, quen estea interesado en tal serie pode resultarlle máis axeitada esta opción que contratar HBO (que ten un custo de 7,99 euros/mes).
Quedará agora por ver se o reclamo da serie do momento é dabondo para que FuboTV consiga penetrar nun mercado como o español no que comezamos a estar preto da saturación de servizos audiovisuais de subscrición.
FuboTV chega como un xeito alternativo de acceder a Movistar Series
Compartir Este Artigo
