HBO chega aos televisores conectados de LG

mércores, 27 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Dende hoxe podemos atopar a aplicación de HBO España para webOS

Dende a súa chegada a España a finais de 2016 HBO tiña dúas importantes eivas: os poucos dispositivos dende os que podía accederse ao servizo e a mala calidade das súas aplicacións. Temos así que inicialmente só podiamos gozar de HBO a través de dispositivos móbiles (e Chromecast), o descodificador de Vodafone TV, Apple TV e a súa páxina web, aos poucos meses estreou compatibilidade con televisores de Samsung e coa PlayStation 4, quedando aínda moi lonxe dos seus competidores.
Aínda que HBO continúa sen estar presente en Xbox One, onde si está a avanzar e na súa presenza en televisores, e tras chegar a algunhas marcas que facían uso de Android TV 7.0 ou superior, finalmente estrean aplicación oficial para televisores conectados de LG, que é unha das marcas de maior presenza en España, o que claramente é unha xogada feita a tempo para a derradeira tempada de Game of Thrones, que será todo un reclamo para a captación de subscritores.
A aplicación de HBO para webOS permite gozar dos contidos da plataforma de vídeo baixo demanda pero, por desgraza, é tan deficiente como o resto de aplicacións de HBO para outras plataformas, con grandes carencias como non poder acceder á watchlist persoal de cada usuario e resultando sumamente complicado facer un seguimento de series xa que a aplicación entende de xeito atómico cada episodio (mentres que outras plataformas comprenden os conceptos de serie e tempada para facilitar o seguimento aos usuarios).

Game of Thrones é o grande reclamo de HBO para captar subscritores

PUBLICIDADE