
Amais, a entidade provincial está a intensificar o subministro ás redes de material audiovisual sobre os moitos e variados atractivos da provincia. A isto cómpre engadir as melloras que se están a facer nas audioguías dos conxuntos históricos de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo.
Respecto da aplicación móbil, trátase dunha iniciativa na que leva traballando a entidade dende hai tempo, que aposta pola universalidade (poderase usar dende calquera trebello móbil), pola información turística, pola promoción integral e por ofrecer visitas interactivas á cidade de Lugo (primeiro) e ao resto da provincia (despois). O percorrido intelixente pola cidade incluirá 12 puntos de información.
O orzamento será de 142.000 euros. A app comezará a funcionar con 1.000 puntos de intereses de todos os concellos e co devandito roteiro interactivo da capital lucense. O proxecto inclúe ademais a instalación de 200 novos paneis informativos ou sinais sobre os recursos turísticos, patrimoniais, gastronómicos ou culturais do casco histórico de Lugo. Asemade, habilitaranse máis de 150 indicadores peonís para os visitantes.
Para o funcionamento da ferramenta, colocaranse unha ducia de tótems, que ofrecerán datos a través de Bluetooth para realizar a ruta: cada vez que un usuario pase con diante deste tótems, recibirá información auditiva sobre o recurso turístico que está a ver.
Audiovisuais
A Deputación de Lugo, co obxectivo de engrandecer a provincia e mostrala turisticamente ao mundo a través de vídeos-reclamo nas redes sociais, presentou os días pasados novas contribucións audiovisuais de seu: un documental (Lugo Inédito) e seis microvídeos para promover o turismo dos concellos. O novo material audiovisual inclúese na campaña Lugo Cambia que impulsa o Executivo provincial desde hai 2 anos.
Tanto o vídeo Lugo Inédito como a media ducia de pezas audiovisuais sobre os xeodestinos lucenses implican un novo chanzo no desenvolvemento da nova campaña: un esforzo extra por “captar a atención de máis viaxeiros nacionais e estranxeiros e atraer máis turistas”, en palabras da Deputación, que engadiu que na “provincia hai máis dunha trintena de lugares de interese turístico que teñen o privilexio de poder etiquetarse como únicos no mundo”. Neste senso, o vídeo Lugo Inédito, que se presenta en sete idiomas, céntrase en amosar unha escolma dos devanditos lugares, unha aproximación a enclaves de visita obrigada como a Muralla de Lugo ou As Catedrais de Ribadeo. O material foi presentado na Feira de Turismo Expovacaciones en Bilbao, celebrada entre o 10 e 12 de maio, na que tivo presenza a Deputación cun stand de seu.
As novas contribucións publicáronse na canle de Youtube da área de Turismo da Deputación de Lugo. Amais, a guía completa dos espazos de Lugo Inédito pódese consultar na web de Turismo da Deputación (turismo.deputacionlugo.gal) e serve de proposta e fío condutor para coñecer toda a provincia a través de elementos do patrimonio que a distinguen.
Audioguías en inglés, francés e castelán

Amais das opcións lingüísticas devanditas, a optimización desta contribución turística sobre os cascos históricos da costa lucense complementouse con material como folletos e carteis para difundir e dar a coñecer nas oficinas de turismo as audioguías ficcionadas da Mariña de Lugo que tamén estarán dispoñibles para a descarga e reprodución de balde na web da Mancomunidade.

