O firme e inquebrantable compromiso co progreso tecnolóxico das empresas Altia e Everis, tanto a nivel xenérico como no que se refire (especificamente) á celebración anual da comunidade galega de enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, vai ter recoñecemento. Estamos a falar do Premio Especial do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que se vai entregar, xunto con outros nove galardóns, no marco da Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra o 28 de xuño en Santiago (Hotel Monumento San Francisco). O premio é unha distinción de agradecemento a Altia e Everis “pola súa constancia no apoio á gala”.
Fundada en 1994, Altia naceu para ofrecer servizos de consultoría e solucións tecnolóxico-dixitais avanzadas. Hoxe en día, conta con máis de 1.000 profesionais con Tino Fernández á cabeza, un dos seus fundadores. A empresa, con sede principal en Oleiros (A Coruña), está a celebrar este 2019 os seus 25 anos de andaina, un cuarto de século de grandes fitos tecnolóxicos como por exemplo os seus proxectos intelixentes para as cidades galegas (Smart Coruña ou Smart Lugo, destinados a mellorar a xestión das cidades, facendo fincapé na mobilidade e procurando un tráfico máis eficiente, menos contaminación e máis eficiencia enerxética) ou as súas iniciativas para equipar as infraestruturas portuarias con avanzadas tecnoloxías de monitoraxe e control (Smart Port Coruña ou os proxectos iniciais de Melilla e Bilbao, destinados a mellorar a xestión interna dos portos). Altia tamén está mergullada arestora en transformar radicalmente as metodoloxías de negocio e actividade do sector hostaleiro e turístico e, tamén, en arraigar no tecido produto galego e estatal o que se coñece como Industria 4.0. Neste último punto insírese a súa colaboración con Navantia, contribuíndo a unha mellora dos procesos e da loxística da empresa naval, ou o traballo desenvolvido con Norlean para pór en marcha unha ferramenta de simulación que recrea virtualmente aspectos da vida real, por exemplo investimentos empresariais.
Everis, pola súa banda, é unha empresa de raizame estatal con importante presenza en territorio galego: ten sedes na Coruña e en Santiago). A empresa ofrece solucións de negocio, estratexia, desenvolvemento e mantemento de aplicacións tecnolóxicas e outsourcing. A compañía, que centra a súa actividade nos sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, industria, enerxía, administración pública e sanidade, conta con presenza de seu en máis dunha ducia de países. Forma parte do grupo NTT DATA Company. No último exercicio fiscal chegou a facturar preto de 1.173 millóns de euros. A familia Everis está formada por 21.000 profesionais repartidos por Europa, USA e Latinoamérica.
A consultora tecnolóxica atesoura máis dunha década de traballo en Galicia, onde emprega centos de profesionais e onde ten impulsado proxectos tan relevantes como a unidade mixta de investigación do proxecto eHealth, na compaña do Centro Tecnolóxico Gradiant e coa colaboración da Fundación Ramón Domínguez.
Altia e Everis, premiadas polo CPEIG
Compartir Este Artigo

