Gradiant e Everis presentaron o centro eJKC, palestra da calidade científico-técnica galega

martes, 2 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

Esta mañá abríronse oficialmente en Santiago as portas do centro eJKC (polas súas siglas eHealth Joint Knowledge Centre), froito do traballo conxunto do centro tecnolóxico galego Gradiant e a firma Everis a través da súa unidade mixta de colaboración e investigación. Ou sexa, a través da súa alianza baixo a bandeira común da innovación e transferencia. A apertura contou coa presenza de diversos persoeiros dos nosos ámbitos público e privado da saúde e as novas tecnoloxías, dous sectores que xuntos, sen dúbida teñen moito que dicir.
O centro inaugurado hoxe, que contou para o seu impulso coa colaboración da Fundación Ramón Domínguez, ten a súa sede no Hospital Gil Casares de Santiago. Nun plano específico, promoverase dende alí o desenvolvemento de tecnoloxías para mellorar a nosa calidade de vida e para favorecer o envellecemento activo. Nun plano xenérico, achándase o camiño para un xeito diferente de facer innovación, a pé de campo e xuntando forzas todo tipo de investigadores.
Segundo se fixo saber, o eJKC encamíñase tamén a pór en valor a calidade científico-técnica galega para desenvolver liñas de traballo ao redor das necesidades tecnolóxicas dos sistemas sanitarios do futuro. No plano do envellecemento activo ou envellecemento saudábel (un ámbito que nos toca de preto, sendo como é a sociedade galega unha das máis envellecidas de Europa e do mundo), impulsarase o deseño de recursos que favorezan a independencia e a autonomía nas persoas maiores, amais da súa comunicación co persoal do noso sistema de saúde.
Outra das liñas de traballo do centro é a busca de novos modelos de práctica clínica, e neste eido o eJKC impulsa recursos para fornecer aos oncólogos de sistemas intelixentes de apoio na selección de tratamentos personalizados baseados na evidencia e a análise de grandes volumes de información (Big Data), á vez que se facilitará a comunicación constante co paciente a través de tecnoloxías móbiles.
Os investigadores do centro (un total de quince) tamén traballarán (e traballan xa) no ámbito das urxencias e as emerxencias, e de feito xa probaron en experiencia reais unha plataforma de seu para a xestión integral de emerxencias, baseada en tecnoloxía biométrica (pegada dactilar). Con este tipo de desenvolvementos búscase facilitar a meirande rapidez e eficacia na atención aos pacientes (a posibilidade de ter diante, ao momento, o historial clínico dunha persoa que vén de sufrir unha crise e precisa tratamento médico inmediato).
Na visita participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o director xeral de Gradiant, David Vázquez Cortizo e o responsábel de Sector Público e eSaúde de Everis, Sergi Biosca. Tamén participaron Helena Fernández, directora da área de eSaúde de Gradiant e Iago Muleiro, xerente de Health en Everis. Fernández e Muleiro foron os encargados de guiar a visita polas instalacións e amosar as liñas de traballo que se están a desenvolver.
Na rolda previa de intervencións, Sergi Biosca falou das orixes da aposta de Everis pola eSaúde e do seu traballo conxunto con Gradiant neste ámbito, facendo fincapé no potencial das TIC para mellorar o tratamento e a atención aos doentes en tódolos niveis e ámbitos de actividade: na mellora da xestión, na optimización das intervencións, no pulo á comunicación médico-paciente, etc. Asemade, engadiu, estamos a falar de recursos que dotan de altos niveis de autonomía ás persoas dependentes e favorecen a estimulación cognitiva de doentes neurolóxicos. “A nosa intención”, engadiu a maiores, “é que a unidade que presentamos hoxe sexa fonte de coñecemento exportábel”.
Pola súa banda, David Vázquez Cortizo cualificou a unidade mixta Gradiant-Everis como un exemplo de aquilo no que Gradiant cre e de aquilo que é a súa razón de ser. Ou sexa, a innovación e a transferencia tecnolóxica. E explicou: “Tratamos de subministrar valor engadido ás empresas galegas, de achegalas a Europa, animándoas a que presenten proxectos na convocatoria H2020”. O director de Gradiant tamén fixo un percorrido pola aposta do centro tecnolóxico emprazado en Vigo a prol da saúde, unha aposta que estivo, dende o comezo, “moi envorcada en Europa”. Na súa opinión, “no futuro a medicina estará moi ligada ás ciencias da información”. Por este motivo, un dos obxectivos de Gradiant a través desta unidade mixta é “pór todos os seus recursos, experiencia e potencial ao servizo dos profesionais do ámbito médico de Galicia”.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía lembrou que a colaboración Gradiant-Everis “favorecerá que sexamos un polo de innovación tecnolóxica no ámbito da saúde”. Tamén recordou que o centro presentado hoxe integrará 15 novos investigadores dos máis diversos eidos das TIC e da investigación médica.
A conselleira de Sanidade cualificou o centro eJKC de “exemplo de modos novos de traballar”. Agradeceu a Everis e Gradiant a súa aposta a prol da saúde e tamén o emprazamento elixido para a súa unidade física de colaboración, no miolo mesmo dun hospital (o Hospital Gil Casares) e moi preto do CHUS (Centro Hospitalario Universitario de Santiago), cousa que achegará valor engadido á unidade mixa e, por suposto, ao propio SERGAS.

2 millóns de euros

O proxecto conta cun investimento total de 2 millóns de euros e ten o respaldo da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) -dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia-, que achega preto de 650.000 Euros á citada unidade mixta a través do Plan I2C. O equipo da unidade está integrado por mozos profesionais altamente especializados en informática, telecomunicacións ou ciencias da saúde.

PUBLICIDADE