O anuncio de Facebook de promover a rede Libra e o moedeiro electrónico Calibra, dando lugar a unha criptomoeda con aspiracións de converterse nunha moeda global que trunfe nos pagamentos móbiles, foi recibido con grandes críticas dende as autoridades europeas, que adiantaban que mirarían con lupa o que está a facer a compañía de Zuckerberg; pero dende o outro lado do Atlántico xa están a emprender accións máis directas, e dende o Comité de Servizos Financeiros dos EE.UU. remitiron unha carta a Facebook na que instan á conxelación dos plans de lanzamento da nova criptomoeda ata que os reguladores poidan analizar a situación.
Na misiva salientan que é preciso que os reguladores e o Congreso dos EE.UU. poidan estudar as distintas faces desta nova iniciativa de Facebook xa que a compañía de Zuckerberg chega a máis da cuarta parte da poboación mundial, polo que Libra podería ter un impacto global ante o que é preciso emprender accións a tempo. Durante a moratoria o Comité quere organizar audiencias públicas para coñecer os riscos e beneficios que poden supor as actividades baseadas nunha criptomoeda e analizar as solucións lexislativas que deberían desenvolver.
Precisamente a Asociación Libra ten sede en Suíza, medida coa que pretendían evitar inxerencias dos gobernos ante o organismo que xestione a nova moeda dixital, pero iso non quere dicir que Libra non teña que cumprir coas lexislacións locais nos países nos que opere, e ao ser Facebook unha compañía estadounidense resulta evidente que terán que atender as esixencias do seu Goberno se non queren ter serios problemas no futuro.
Dende Facebook aseguran que Libra é unha iniciativa totalmente independente da súa compañía, pero as autoridades non están convencidas diso, e coñecendo o historial de Facebook non sorprende que queiran pór condicións ao lanzamento dun produto que podería ter repercusións importantes na privacidade da xente e na estabilidade financeira global.
As autoridades estadounidenses instan a Facebook a conxelar a súa criptomoeda
Compartir Este Artigo
