Pese a que a finais de xuño as declaracións realizadas polo presidente dos EE.UU. daban a entender que o acordo comercial con China estaba a chegar a bo porto, de xeito que poderían soterrar a machada de guerra, de xeito que Huawei volvería á normalidade, pero vese que as negociacións non están a avanzar como se esperaba, de xeito que Trump optou por publicar unha serie de comentarios en Twitter atacando directamente a China, país ao que denuncia por ter roubado a propiedade intelectual dos EE.UU. por valor de centos de milleiros de millóns de dólares ao ano.
Para deter o roubo de China o presidente dos EE.UU. ordena informalmente ás grandes empresas estadounidenses deixar de fabricar en China e retomar a produción nos EE.UU., e para dirixir ás compañías nesta dirección anuncia subas de aranceis. A partires do 1 de setembro os produtos de China que pagaban un 10% ao importarse pasarán a pagar o 15%, e os produtos que pagaban o 25% a partires do 1 de outubro pasarán a pagar o 30%. Loxicamente China tamén establecerá aranceis máis elevados para os produtos estadounidenses, o que afecta principalmente a carburantes, automóbiles e produtos agrícolas, o que claramente reducirá as vendas de EE.UU. a China, con negativas repercusións para os produtores norteamericanos.
Dada a actual dependencia dos produtos fabricados en China (smartphones, xoguetes, roupa…), os actuais aranceis establecidos por Trump poderían custarlle a cada fogar estadounidense uns 800 dólares/ano, ou sexa, que as medidas que se adoptan para supostamente protexer os intereses dos EE.UU. terán consecuencias gravosas para os fogares e a economía xeral.
Aínda que polo momento só temos declaracións públicas de Trump, e non unha orde executiva de obrigado cumprimento, descoñécense as medidas efectivas que realmente podería aprobar a Casa Branca para impedir a fabricación en China que vaian máis aló da guerra arancelaria, aínda que si podería chegar a facer obrigatorio que os contratistas para entidades públicas non realicen a súa produción en China, de xeito que as duras palabras de Trump si poderían ter consecuencias reais.
Trump quere que as grandes compañías estadounidenses deixen de producir en China
Compartir Este Artigo
