Trump levanta o bloqueo estadounidense a Huawei

sábado, 29 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A guerra comercial entre EE.UU. e China levou a que Huawei fose catalogada como unha ameaza nacional pola administración Trump, prohibindo ás empresas estadounidenses traballar coa compañía chinesa, o que suporía que os smartphones de Huawei non puidesen recibir servizos e aplicacións de Google e os operadores de telecomunicacións non puidesen equiparse con hardware de Huawei para as súas infraestruturas de telecomunicacións (o que suporía un importante freo para o desenvolvemento do 5G, no que Huawei é líder global).
Ao verse ás consecuencias do bloqueo comercial a Huawei dende o Departamento de Comercio dos EE.UU. apresuráronse a suspender o bloqueo durante 90 días, e o presidente Trump saíu pronto á palestra para admitir que poderían incluír a Huawei nun acordo comercial que estaban a negociar con China, de xeito que as polémicas sancións pasarían á historia e todo quedaría como un escuro capítulo do sector TIC, no que compróbase o perigo de que os desenvolvementos globais poidan verse afectados por decisións políticas dun único país.
Finalmente aconteceu o previsible, e no cumio do G20 materializáronse as conversas entre China e EE.UU., no que supón o cesamento da creación de novos aranceis entre ambos mercados (que estaban a escalar dun xeito alarmante) e a confirmación de que o bloqueo a Huawei é cousa do pasado.
Trump asegurou literalmente que «enviamos e vendemos a Huawei unha grande cantidade de produtos que van en varias cousas que fan, e dixen que está ben, que continuaremos vendéndolles eses produtos», ou sexa, que vende o fin do bloqueo como un trunfo para a industria estadounidense.
O levantamento das sancións a Huawei supón unha magnífica nova para o sector tecnolóxico global, xa que restitúe a normalidade, e favorece a implantación das redes 5G durante os vindeiros anos. Tamén tranquiliza aos compradores de smartphones, que estarán máis tranquilos á hora de adquirir produtos do que até o momento era o segundo fabricante a nivel mundial (só detrás de Samsung).
Que Huawei poida continuar a empregar unha versión ordinaria de Android fóra de China tamén é unha boa nova para moitas compañías occidentais, xa que o feito de que Huawei activase un plan B, ou sexa, que desenvolvesen unha alternativa sólida ao Android de Google, podería polarizar aos fabricantes chineses, que previsiblemente unirían forzas para evitar padecer as mesmas sancións que Huawei, creando unha situación que podería prexudicar seriamente ás compañías que desenvolven produtos e servizos dende EE.UU. e Europa.

PUBLICIDADE