O polígono de Barro acolle durante este mes de setembro catro novas accións formativas ao abeiro do programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra, a rede de centros de asesoramento para a capacitación tecnolóxica para PEME, profesionais e autónomos da provincia. As catro citas de Barro súmanse ás 38 actividades que se deron a coñecer os pasados días para a comarca de Vigo, Pontevedra, Lalín e Cambados (todo tipo de obradoiros para avanzarmos en dixitalización e a competitividade).
Os cursos de Barro abordarán a robótica con App Inventor en distintos niveis. A primeira sesión terá lugar este xoves 5 de setembro, mentres que o segundo curso desenvolverse o xoves 12 de setembro. O nivel tres abordarase na sesión do xoves 19 de setembro e, por último, o cuarto módulo terá lugar o xoves 26 de setembro. En todos os casos o horario será das 17 ás 21 horas.
Os obradoiros impartiranse no Fab Lab do Centro de Servizo e Apoio Empresarial anexo ao Viveiro de Empresas do polígono de Barro e, para este itinerario formativo, precísase ter un ordenador portátil con navegador Chrome, unha conta de Google e un dispositivo (móbil ou tableta) Android. As inscricións para participar nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro, abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
SmartPEME achega catro obradoiros tecnolóxicos no polígono de Barro
Compartir Este Artigo

