A empresa coruñesa Improving Metrics, centrada na analítica de datos e na Intelixencia Artificial, vén de ser obxectivo dunha importante distinción ao seu labor en materia de información a gran escala e ferramentas para extraer os máximos rendemento e valor a esa información. Segundo nos conta os responsables de Improving, trátase da única empresa da nosa terra que participa na iniciativa European Data Incubator (EDI), un proxecto que ofrece a unhas 100 empresas a oportunidade de resolver desafíos de datos que presentan grandes empresas.
En termos máis concretos, Improving Metrics foi seleccionada para participar no EDI para resolver o desafío presentado por EMESESA, a Empresa Metropolitana de Abastecemento e Saneamento de Augas de Sevilla S.A., e establecer un sistema de xestión e análise da evolución do consumo de auga na cidade de Sevilla e a súa área metropolitana utilizando técnicas de Machine Learning, ou sexa, de aprendizaxe das máquinas.
Das case 500 startups que presentaron a súa candidatura, só pasaron a primeira 40 firmas, das que 9 son españolas, 9 alemás, 8 italianas, 3 portuguesas e representación de Francia, Grecia, Reino Unido, Holanda, Bélxica, Suíza, Serbia, Irlanda, Ucraína, Suecia e Estonia.
European Data Incubator (EDI) é un programa dirixido por 20 socios en toda Europa que ofrece ás empresas máis innovadoras do ámbito da información a gran escala (Big Data) a oportunidade de abordar desafíos do mundo real establecidos por empresas europeas, como por exemplo mellorar a seguridade viaria en Barcelona ou predicir transaccións fraudulentas en supermercados.
Os beneficios inclúen ata 100.000 euros en fondos libres de capital, titorías, obradoiros, acceso a unha contorna cloud de balde e a oportunidade de establecer sinerxías e visualización con respecto ás principais organizacións europeas.
Os días 9 e 10 de outubro de 2019, Improving Metrics viaxará a Berlín con outras 39 novas empresas para a primeira fase de Exploración, onde participa nun dataton, ou sexa, nun hackathon relacionado cos datos masivos. Alí, un xurado decidirá que 16 startups pasarán ao seguinte nivel de Experimento.
Improving Metrics participa nun desafío Big Data coas empresas europeas máis punteiras do sector
Compartir Este Artigo

