O Concello de Allariz e a veciñanza do termo municipal están a facer fronte común arredor das redes. Mellor dito: a prol da obtención de conexións de calidade para o territorio. As peticións, segundo fixeron saber hoxe en rolda de prensa, destínanse ás administracións con competencia na cuestión e, tamén, ás operadoras de telecomunicacións. A plataforma Concello-cidadanía tamén avaliará a situación real da calidade e dispoñibilidade da rede en Allariz.
Esta mañá, a alcaldesa Cristina Cid, xunto con representantes veciñais, deu conta da situación que sofre Allariz en canto “ao deficiente servizo de conexión a Internet”, dando voz a unha demanda urxente das e dos residentes: “Na actualidade Allariz sofre unha situación, no que ten que ver coa banda larga, que fai imposible a conexión a Internet, a día de hoxe deficitaria e insuficiente, e imposibilita actividades comerciais e de ocio normalizados”.
Segundo engadiu, “as cifras que mostran os estudos son enganosas, tanto a nivel nacional como autonómico, non reflectindo a natureza do problema da dispersión poboacional e a diseminación dos núcleos, unha singularidade galega”. Ademais, dixo, “Allariz conta no propio núcleo con moitas diferenzas tecnolóxicas, non só en tecnoloxía por cable, senón tamén a orografía e o tipo de edificacións dificultan as tecnoloxías sen fíos”.
A alcaldesa debullou tamén a manchea de xestións desenvolvidas coas operadoras e coa administracións responsables, tanto autonómica como central, co obxectivo de coñecer o plan de dotación de conexión aos municipios de alomenos 30 Mbps por segundo. “Un plan”, segundo sinalou Cristina Cid, “que non se cumpriu polo que as xestións foron infrutuosas”.
Co obxectivo de mellorar esta situación que cualificou de “inaceptable para este ano 2019 no que vivimos”, púxese en macha unha campaña coa veciñanza para acadar vías de solución a esta deficiencia. Como iniciativa concreta para tentar pór remedio á devandita eiva tecnolóxica, estanse a recoller sinaturas para solicitar ás principias compañías de telecomunicación a disposición dun servizo de acceso a Internet de banda larga en suba e baixada, “sen límites de datos e a prezos axeitados”, así como a creación dun mapa virtual real e actual.
O Concello de Allariz pon á disposición da cidadanía, na web de seu www.allariz.gal/internet, un formulario para a recollida de datos, que busca ofrecer “unha radiografía fiel da situación actual referente as conexións no termo municipal co obxectivo de remitir a información aos responsábles e solucionar esta situación de desconexión”.
Segundo lembrou a alcaldesa, Allariz é “un concello dinámico, cunha importante rede comercial e hostaleira que anualmente aumenta poboación, o que implica que as actuais infraestruturas tecnolóxicas son compartidas por máis usuarios/as de peor calidade”. Este problema agrávase en eventos punteiros coa afluencia masiva de turistas, engadiu.
O Concello de Allariz e a veciñanza suman forzas para reclamar conexións de calidade
Compartir Este Artigo

