Hoxe comezaron en Vigo as xornadas formativas sobre internacionalización dixital da Consellería de Economía, postas en marcha co obxectivo de “contribuír ao esforzo que as empresas galegas veñen realizado para incrementar a súa presenza nos mercados internacionais”. Na apertura das actividades participou o director do IGAPE, Juan Cividanes, que lembrou que as xornadas non se limitarán a Vigo, senón que abranguerán as principais cidades galegas levando a cada unha delas a seguinte mensaxe: cómpre facer fronte común arredor da dixitalización e da Industria 4.0, co fin de gañar en competitividade, rendibilidade, eficiencia, sustentabilidade e presenza en mercados.
Neste ciclo de encontros, os asistentes poderán informarse sobre as claves precisas para avanzar no espallamento do comercio electrónico e recibir asesoramento profesional e personalizado sobre as posibilidades de internacionalización dixital para desenvolver nas súas empresas.
O director do IGAPE resaltou que o programa de xornadas, enmarcado na Axenda Industria 4.0, pretende contribuír a mellorar a presenza no exterior das empresas galegas, “que nos sete primeiros meses do ano acadaron un volume de exportacións de 12.385 millóns de euros, mantendo deste xeito o bo ritmo de vendas neste período dos tres últimos anos, os mellores rexistrados na Comunidade”.
Cividanes lembrou que Galicia “mantén un peso do 7,2% sobre o total das exportacións nacionais, ao tempo que a balanza comercial da Comunidade segue en positivo, cun saldo de 850 millóns de euros no acumulado do ano”.
O IGAPE inaugura en Vigo un ciclo sobre internacionalización TIC que recalará nas principais cidades galegas
Compartir Este Artigo

