Hoxe celébrase en Vigo, na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, unha actividade de divulgación e formación en mercadotecnia dixital. A xornada, que se celebra ao longo da mañá, servirá para afondar en cuestións “de suma importancia para as PEME e os profesionais, como son a ciberseguridade e a legalidade nas tecnoloxías”. Asemade, porase o foco nos fitos acadados por Mariskito, mostrando en profundidade os logos da súa andaina (máis de 15 anos de traxectoria no mundo dixital).
O programa de actividades inclúe un relatorio sobre protección tecnolóxica a cargo de Manuel Pederne, de Inprosec, empresa centrada en seguridade da información que axuda a outras firmas a manter a confidencialidade, a integridade e a dispoñibilidade dos datos. A continuación, sobre as 10.00 horas, será a quenda das claves legais a cargo de Jose Nogueira, de Sistemius, unha empresa centrada no Dereito TIC e en fornecer de recursos para o novo contexto de actividade dixital, que nos obriga a coñecer os aspectos legais básicos que se deben ter en conta á hora de iniciar unha estratexia de mercadotecnia dixital.
A xornada, tralo café, rematará cun achegamento á andaina de Mariskito a cargo de Fernando Cividanes. Mariskito, como lembraremos, é unha empresa familiar adicada á comercialización de peixes e mariscos frescos de Galicia dende 2004, empregando a fondo as novas tecnoloxías dixitais para todos os elos da súa cadea produtiva: promoción, comunicación, xestión, distribución, etc.
A experiencia tecnolóxica de Inprosec, Sistemius e Mariskito, hoxe na sede da CEP en Vigo
Compartir Este Artigo

