O GDR Terras de Compostela segue adiante achegando formación complementaria ás empresas que aspiran á homologación SICTED de Calidade Turística en Destino e faino cun obradoiro sobre redes sociais e sobre as posibilidades destes servizos para captar clientes, mantelos no tempo e incrementar posibilidades de comunicación e feedback. Impartido polo enxeñeiro informático Javier Vázquez Rodríguez o curso formativo celebrarase o próximo día 3 de outubro, de catro e media a sete e media da tarde, no Centro de Formación de Aldea Nova, no concello de Ames.
Segundo informa o GDR, esta xornada complementa á que se desenvolve este luns 30 de setembro, sobre a Lei de Protección de Datos Europea, e a que se celebra o día 8 sobre socorrismo e primeiros auxilios.
Volvendo á formación sobre redes sociais, neste obradoiro as alumnas e alumnos poderán coñecer as distintas redes sociais, desde Facebook a Twitter ou Instagram, pasando polo papel do comunity manager. Tamén se mostrarán unha serie de exemplos prácticos de bo uso das redes sociais como vantaxe estratéxica para os negocios. As inscricións están abertas no teléfono 981 818 357 ou no correo electrónico info@terrasdecompostela.org.
Esta xornada esta organizada polo GDR Terras de Compostela e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e alimentación e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural, FEADER, e a colaboración do Concello de Ames.
O GDR Terras de Compostela ofrece un obradoiro de xestión de redes sociais
Compartir Este Artigo

