A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) ten aberta a inscrición para unha xornada de internacionalización de gran interese para as nosas empresas TIC, sobre todo polo que ten de fonte de coñecemento para establecer contacto cos mercados de meirande proxección actual. A xornada Oportunidades de negocio multisectorial en China e India celebrarase o vindeiro martes 8 de outubro na sede viguesa da Confederación de Empresarios de Pontevedra (rúa de García Barbón, 104), a partir das 09.45 horas.
Trátase dun evento de balde, enmarcado no proxecto de fomento da internacionalización ECICII Plus, que ofrecerá aos/as asistentes claves para aproveitar o potencial de expansión cara a “dous dos países que están a experimentar un maior crecemento económico e tecnolóxico actual”, en palabras da entidade organizadora.
Durante esta xornada, desenvolvida en colaboración co Banco Sabadell, diversos expertos abordarán as oportunidades que brindan China e India, así como as barreiras “formais e informais” para entrar nos devanditos mercados. Os interesados en realizar a inscrición deben contactar coa asociación TIC enviando un correo a ineo@ineo.org ou chamando ao 986 11 25 70.
Segundo informa Ineo, “China e India contan con diferentes formas de operar nos negocios que resulta necesario coñecer para ter éxito na internacionalización, por este motivo contaremos con expertos en cada unha destas contornas, así como con representantes de empresas galegas que xa están a operar nestes países e que compartirán a súa experiencia”.
Luis Sestelo, presidente de Ineo, abrirá a xornada ás 10.00h. Seguidamente, Hugo Tian, director xeral do China Center Paris, e unha empresa galega con ampla experiencia no mercado chinés presentarán as oportunidades de negocio en China, mentres que Arum Kumar, conselleiro de Sunpower en India, e Gonzalo Varela, director de GV solucións, empresa con filial en India, falarán das que ofrece este outro xigante asiático. O debate estará moderado por Armando Priegue-Freire, socio director de Axperia Ventures.
Pola súa banda, Javier Balbín, director territorial do Noroeste e director de Negocio Internacional en Banco Sabadell, presentará os instrumentos de apoio que ofrece a entidade financeira para estes mercados. Para finalizar, as empresas que o desexen poderán solicitar reunións bilaterais cos relatores.
Sobre ECICII Plus
O proxecto Estrutura Empresarial Conxunta para o Impulso e a Captación de Iniciativas de Internacionalización, ECICII Plus, enmárcase dentro do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é “fortalecer a capacidade de internacionalización das PEME da Eurorrexión a través da intensificación da cooperación transfronteiriza e do aproveitamento das sinerxías da experiencia galega e do norte de Portugal, apostando tamén pola experimentación con modelos de internacionalización multisectorial”.
Ineo achéganos as claves para expandir o noso negocio en China e India
Compartir Este Artigo

