A Cidade das TIC, o gran proxecto da Coruña para converter a Fábrica de Armas cun complexo de coñecemento tecnolóxico e nun acubillo-lanzadeira empresarial, colleu hoxe novos azos. E fíxoo da man da Cámara de Comercio e o Concello, que mantiveron hoxe unha xuntanza para procurar de maneira conxunta recursos que impulsen a competitividade, a rendibilidade e a transformación das empresas locais. Na reunión participaron a alcaldesa Inés Rey, e máis os representantes das firmas da entidade cameral, que tiveron ocasión de trasladar á rexedora as súas principais demandas.
Na reunión, a alcaldesa puxo en valor tres grandes proxectos para a cidade. Entre estas iniciativas atopábase, precisamente, a Cidade das TIC, unha proposta en beneficio das empresas que porá a disposición delas e dos profesionais, en palabras de Inés Rey, un viveiro innovador que facilitará o seu traballo e o seu despegue en materia de proxectos innovadores. “Queremos tender unha ponte entre a Universidade e a industria e os servizos”, sinalou.
O presidente da Cámara, Antonio Couceiro, trasladou á alcaldesa a disposición, en nome da Cámara, de “colaborar en todas aquelas actuacións que redunden nunha mellora da competitividade das empresas da Coruña e a súa área de influencia, entendendo que a colaboración entre empresa e administración, a través dun diálogo aberto e fluído, é a base para establecer unha relación sólida e construtiva”.
Máis datos sobre a nova vida da Fábrica de Armas
O proxecto para materializar a Cidade das TIC vén da man da Universidade da Coruña, a Deputación e o Concello, entre outras entidades. O seu obxectivo é crear no dito emprazamento militar un ecosistema económico e académico que facilite a transferencia de coñecemento, a captación e retención de talento e a atracción e desenvolvemento dun tecido industrial altamente competitivo. O proxecto supón, en palabras do Goberno local, unha grande oportunidade para, por unha parte, recuperar a actividade industrial da antiga fábrica e, pola outra, situar a cidade como referente do noroeste peninsular nas economías baseadas no coñecemento, a innovación e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. A Cidade das TIC xa conta co visto e prace do Ministerio de Defensa.
O Concello da Coruña e Cámara de Comercio poñen en valor o proxecto da Cidade das TIC
Compartir Este Artigo

