Chegou o 11 de novembro, o Día do Solteiro promovido polo Alibaba Group, coñecido nos últimos anos tamén como o 11.11, e que durante a xornada de hoxe tradúcese nunha das meirandes campañas de rebaixas do comercio en liña encabezada polas tendas dixitais de Alibaba, das que a máis coñecida en España sería AliExpress, aínda que, como tamén aconteceu nos últimos anos co Black Friday, provocouse un efecto tractor que levou a que moitas tendas tradicionais lanzasen tamén promocións para competir co xigante chinés.
A plataforma de pagamentos de Alipay, que canaliza boa parte das compras desta xornada, conseguiu superar os 1.000 millóns de dólares de facturación en só 1 minuto e 8 segundos, xa que eran moitos os que xa tiñan localizados os produtos que pretendían mercar, e lanzáronse a facer as compras no primeiro momento, e durante a primeira hora Alipay superou os 12.000 millóns de dólares en transaccións, deixando claro unha vez máis que o comercio electrónico chinés supón un importante peso a nivel global, sendo capaz de competir e incluso superar a campañas occidentais como o Black Friday ou o Prime Day.
Dende Alibaba tamén salientaron que para superar a facturación do 11.11 de 2015 só precisaron dunha hora, 1 minuto e 32 segundos; para superar os datos de 2016 precisaron dunha hora, 26 minutos e 7 segundos; en 10 horas en 18 minutos conseguirían facturar máis que no 11.11 de 2017; e en 18 horas e 31 minutos terían superado o número de pedidos do 11.11 de 2018. Confírmase así non só a forza desta xornada de promocións, senón tamén que aínda mantén un grande crecemento interanual, dando a entender que cada día o comercio electrónico penetra máis na sociedade.
Para celebrar este grande día de ofertas Alibaba organizou un espectáculo retransmitido por streaming, que contou con numerosas estrelas locais e internacionais, entre as que destacou a cantante Taylor Swift, que foi quen pechou a gala celebrada no Mercedes-Benz Arena de Shanghai.
Espectáculo co que Alibaba celebrou o 11.11
ACTUALIZACIÓN: No balance final do 11.11 o Alibaba Group asegura ter facturado 38.400 millóns de dólares, o que supón un incremento do 26% fronte a 2018.
