A semana pasada comentamos que Huawei trasladaba a data da celebración da súa vindeira conferencia para desenvolvedores de febreiro a marzo para garantir a saúde e a seguridade dos asistentes por mor da epidemia de coronavirus que están a padecer en Wuhan, e apuntamos que tal crise epidemiolóxica podería afectar á electrónica de consumo, e novas informacións confirman que xa está a ser así.
Dende Bloomberg apuntan a que Apple podería ver como a súa cadea de subministros padecese o impacto das corentenas e limitacións aos desprazamentos establecidos na China para mitigar o impacto da epidemia, e aínda que neste momento non sería crucial, xa que falta moito para o lanzamento do futuro iPhone 12, había informacións apuntando a que en febreiro Apple anunciaría un smartphone de baixo custo para suceder ao iPhone SE, e que si podería ter problemas para chegar ao mercado nos prazos previstos (pero non publicados).
China non é transparente, polo que non coñecemos toda a información relativa ás restricións aos desprazamentos impostas realmente, nun principio fálase do peche de fábricas de Foxconn, Samsung e outras empresas, o que afectaría directamente á fabricación de compoñentes electrónicos de moitas compañías.
Pese a que esteamos ante unha emerxencia sanitaria cun alcance moi limitado, o momento foi crucial (a festividade no Ano Novo Chinés foi o pasado sábado, o que provocou numerosos desprazamentos de traballadores ás súas vilas de orixe) e a crise desenvólvese a poucas semanas do Mobile World Congress, que é un momento no que se anuncian moitos plans por parte de grandes fabricantes de telefonía móbil e tecnoloxías relacionadas, polo que as planificacións para os vindeiros meses deberían ser sumamente prudentes.
Fábricas de Foxconn e Samsung na China afectadas pola epidemia do coronavirus
Compartir Este Artigo
