O abuso da publicidade na Rede levou á proliferación de software de bloqueo de anuncios, e ante a virulencia de moitos espazos web, finalmente incluso os propios navegadores web comezaron a implementar medidas para bloquear contidos publicitarios que non son molestos, senón que chegan a ser un grande lastre para unha boa experiencia de navegación en liña.
Para acadar un equilibrio instouse á industria publicitaria a establecer códigos de autocontrol para manter unhas boas prácticas que permitan un certo equilibrio para que os usuarios non se vexan abocados ao uso de bloqueadores de publicidade, e dentro desas medidas a Coallition for Better Ads vén de aprobar un novo estándar relativo aos vídeos dunha duración máxima de 8 minutos, nos que prohibirase a presenza de anuncios mid-roll (os incluídos no medio da reprodución dos vídeos), os anuncios pre-roll (ao comezo dos vídeos) que duren máis de 31 segundos ou que non poidan saltarse aos 5 segundos, e os anuncios sobre impresos que obstaculicen a visión da franxa central dun vídeo en curso ou que duren máis do 20% do vídeo en reprodución.
Estas medidas pasarán a aplicarse a partires do mes de xuño, e podemos entender que se aplicarán á práctica totalidade dos anuncios en vídeo na Internet, xa que as principais axencias de publicidade e plataformas de publicación están adheridas á coalición que promove estas boas prácticas.
Establecen límites á publicidade intrusiva nos vídeos curtos en liña
Compartir Este Artigo
