Un dos motivos que mantén a moitos creadores de contidos para a Internet ancorados a YouTube é que é a única plataforma de grande tamaño que conta cun programa de monetización de contidos, e aínda que Instagram e TikTok estean máis de moda, moitos youtubeiros optaban por utilizar esas plataformas só como un xeito para conectar coa audiencia, remitíndoa constantemente á súa canle de YouTube, algo que podería mudar en breve, xa que Instagram está a traballar en IGTV Ads, unha ferramenta de monetización para vídeos de máis dun minuto de duración.
Dende Facebook non queren dar detalles polo momento, pero recoñecen estar a explorar xeitos de que os creadores de contidos poidan sacar proveito económico dos vídeos en IGTV, polo que resulta demasiado cedo para saber se contarán cun programa de partners amplo como YouTube ou apostarán por sistemas máis pechados como os que teñen en Facebook. Dende TechCrunch insinúan que IGTV podería compartir o 55% dos ingresos polos anuncios incorporados aos vídeos, como acontece con Facebook Watch, de xeito que Facebook podería limitarse a espallar a súa plataforma publicitaria dun servizo a outro.
Pola súa banda, Adam Mosseri, director xeral de Instagram, asegura que non é ningún segredo que están a explorar métodos para compensar economicamente aos creadores de contidos, pero matiza que IGTV aínda está dando os seus primeiros pasos, polo que a súa prioridade actual é consolidar o servizo de vídeos de longa duración dentro de Instagram, ou sexa, que a monetización de IGTV podería chegar máis tarde do que moitos desexan.
Instagram explora a futura monetización de IGTV por parte dos creadores de contido
Compartir Este Artigo
