No pasado temos comentado o curioso negocio de Moment, compañía que comercializa obxectivos para as cámaras dos smartphones, que poden colocarse valéndose de fundas, de xeito que cando mudamos de terminal chega con mercar unha funda nova para poder continuar a empregar os obxectivos que teñamos.
Esta compañía comercializaba fundamentalmente fundas para móbiles iPhone, Google Píxel, OnePlus e Samsung Galaxy, pero a complexidade que está a provocar o apartado das cámaras en móbiles con Android, nas que cada ano vemos como os fabricantes inclúen cada vez máis cámaras con distintas prestacións, levou a que a aplicación que acompaña ao accesorios de Moment veña de descontinuarse en Android, de xeito que centrarán os seus esforzos no software para iOS e recomendando aos usuarios que recorran a aplicacións profesionais a como Filmic Pro.
A aplicación Moment Pro Camera continuará a estar dispoñible para Android, pero non recibirá actualizacións, xa que Moment carece de recursos para poder atender á grande diversidade de móbiles con Android. Esta ferramenta facilitaba a produción de vídeos anamórficos e a gravación de vídeo con numerosos axustes manuais, facendo doada a creación de vídeos con acabados profesionais dende o móbil, buscando así ser un complemento perfecto para os accesorios da mesma marca.
Cómpre salientar que os obxectivos Moment teñen grande éxito entre usuarios de iPhone, polo que é bastante probable que o número de clientes con Android sexa demasiado cativo, de xeito que non pagaría a pena manter unha aplicación móbil tan complexa para un volume de negocio tan reducido.
Moment abandona a súa app para Android
Compartir Este Artigo
