Samsung anuncia hoxe que este mesmo mes vai lanzar unha actualización do software dos smartphones Galaxy S10 e Galaxy Note10 a través da que incorporarán varias das novidades das cámaras dos novos Galaxy S20, o que mellora a experiencia de uso das cámaras e as súas posibilidades, á vez que incrementa o valor de dispositivos con varios meses no mercado, facendo máis atractiva a súa compra.
A funcionalidade máis rechamante en incorporarse aos Galaxy S10 e Note10 sería a Captura Única, un modo de disparo da cámara que toma varias fotografías e vídeos dun momento facendo uso de intelixencia artificial para escoller as mellores tomas, para ofrecer unha selección das mesmas ao usuario, o que pode resultar moi práctico cando queremos compartir un instante a través de redes sociais. Outras funcionalidades da cámara que se recibirán serán o modo Noite mellorado e a Cámara Rápida Nocturna (ou sexa, que a cámara poderá gozar dun mellor comportamento en momentos de pouca luz), así como o modo Vídeo Profesional, que permite controlar o ISO, a velocidade de obturación, o nivel de exposición e a temperatura de cor, o que pode resultar moi práctico cando os axustes automáticos non conseguen os resultados desexados.
Tamén se actualiza o software de galería dos teléfonos, que buscará mellorar a organización dos contidos agrupando fotografías que sexan moi semellantes. Cando ampliemos unha imaxe dende a galería tamén teremos a opción de recortala de xeito rápido.
Para facilitar o intercambio de contidos con outros dispositivos próximos tamén estará dispoñible a funcionalidade de Quick Share. Outra función interesante é o Music Share, que permite que un amigo poida reproducir música nun altofalante Bluetooth ao que esteamos conectados.
Os Samsung Galaxy S10 e Note10 recibirán funcionalidades dos Galaxy S20
Compartir Este Artigo
