Que haberá un antes e un despois da pandemia de coronavirus, sabémolo ben, como tamén sabemos ben que é probable que nunca antes houbera tanta oferta de teleformación como neste período de confinamento. Neste senso, o Concello de Santiago vén de facer historia argallando a cifra nada desprezable dun centenar de cursos pertencentes a 20 áreas profesionais: 1.500 prazas ofertas para que a xuventude saque partido dunha situación adversa como a que estamos a vivir para avanzar en capacidade de innovación, adestramento e empregabilidade. Por certo que tamén están a ser históricas as cifras de participación: contabilizáronse 850 reservas de praza nun só día.
O período de inscrición para as 1.500 prazas ofertadas (inscrición gratuíta) abriuse onte a través da web de Talentia Summit. Na mañá deste xoves 16 de abril xa estaban cubertas máis da metade das prazas.
Segundo informou o Concello, a oferta de formación en idiomas como o inglés e o francés en diferentes niveis (A1, A2, B1, B2) foi “un éxito”, esgotándose as prazas en menos de 24 horas.
Polo que respecta aos cursos relacionados con administración de empresas, os de mercadotecnia (marketing) e comunicación, así como os de turismo, tamén se rexistrou “un abundante volume de inscricións, quedando poucas prazas dispoñibles no mediodía deste xoves”.
Tamén quedan prazas sen cubrir na ampla oferta de aplicacións informáticas, como o paquete Microsoft (Word, Excel, Access e Powerpoint), que lle permitirá ás persoas que os cursen obter un certificado que avale os seus coñecementos en ofimática.
Neste momento, dende a área de Emprego anunciaron que están a verificar as inscricións para comprobar que se cumpren os requirimentos da oferta formativa: ser maiores de 16 anos e estar empadroados no Concello de Santiago. O inicio dos cursos está previsto para este luns 20 de abril, aínda que a formación online permite comezar cando o alumnado estime conveniente.
Máis de 850 persoas xa reservaron praza nos cursos de formación online de Santiago
Compartir Este Artigo

