Dende os Facebook Reality Labs teñen moi claro que o xeito de presentarse en sociedade as Google Glass foi un auténtico fiasco, e queren evitar repetir algo así, de aí que deixen claro que unhas lentes comerciais de realidade aumentada como as que todos temos en mente están lonxe de chegar ás nosas máis por múltiples motivos, que van dende a pouca maduración desta tecnoloxía como da necesidade de adaptala ás necesidades dos usuarios e ás demandas dos non usuarios (que poden sentirse violentados como aconteceu coas lentes de Google).
Para todo isto lanzan Project Aria, unha iniciativa de investigación sobre o futuro dunha realidade aumentada persoal, que na actualidade é case ciencia ficción, pero que avanza pasiño a pasiño, e que en breve valerase dunhas lentes de realidade aumentada que servirán para ir captando a información que o usuario recibe para traballar coa mesma, sen que estas lentes sexan sequera un prototipo, ou sexa, que serían principalmente unha ferramenta para que programadores e enxeñeiros teñan datos cos que traballar para desenvolver o software da realidade aumentada do futuro.
Dende Project Aria procurarán explorar todas as faces da tecnoloxía de realidade aumentada para ir avanzando no seu desenvolvemento e coñecer os ámbitos nos que pode ocasionar conflitos, para establecer unhas pautas sobre o seu uso, de xeito que a privacidade sexa algo que se teña en conta en todo momento.
O proxecto iniciará as súas probas este mesmo mes nos EE.UU. (principalmente con empregados de Facebook), de xeito que inicialmente traballarán na captación de información para crear mapas tridimensionais do que rodea aos usuarios e o que fan neses contextos, para máis adiante poder integrar información visual nese espazo, o que co tempo podería chegar a ser o sistema de visualización definitivo, xa que podería prescindir de monitores tradicionais, que poderían presentarse ao usuario de xeito virtual, coma se estivesen no espazo real, á vez que tamén podería servir para a telepresenza, para a formación a distancia e, como non, tamén para o lecer electrónico.
Facebook inicia un proxecto de realidade aumentada coa vista posta no longo prazo
Compartir Este Artigo
