As ferramentas de produtividade de Google comercialízanse para empresas baixo marcas bastante confusas, e dado que G Suite non conseguiu callar, agora a solución que integra Gmail, Calendario, Drive, Documentos, Follas de Cálculo, Presentacións, Meet e outras funcionalidades na nube de Google pasa a chamarse Google Workspace, marca que parece moito máis representativa.
Google Workspace promete unha experiencia de usuario nova e moi integrada, nova identidade de marca (de feito, ata Gmail muda a súa icona) e novas formas de implementación, con solucións a medida para satisfacer as necesidades específicas dun amplo abano de clientes.
Entre as novas funcións podemos destacar facilidades de colaboración con convidades en Chat e Drive, de xeito que será posible crear e colaborar dinamicamente nun documentos con convidados nunha sala de chat, o que supón unha grande vantaxe para traballar con persoas externas á empresa.
Tamén activarán a funcionalidade de Picture-in-Picture de Meet en Documentos, Follas de Cálculo e Presentacións, de xeito que será máis doado revisar documentos e propostas mentres se conversa cun cliente.
Google Workplace pode considerase simplemente como unha nova marca para reflectir o novo rumbo de Google na procura de experiencias máis conectadas, útiles e flexibles, o que deixarase ver directamente nas iconas dos servizos, que adoptarán deseños empregando as catro cores características de Google.
Vídeo de presentación de Google Workspace
