O caderno dixital sobre cine, horror, fantasía, ciencia ficción e banda deseñada Uruloki, a poucos meses de cumprir os 18 anos, deixa de publicarse diariamente, o que supón un fin de ciclo para unha das publicacións dixitais galegas de maior proxección internacional e constancia.
Este espazo dixital obra de Felipe Rivero de Aguilar, naceu como unha afección que conseguiu manterse ao longo de preto de dúas décadas pese ás moitas dificultades, como o feito de que todas as súas imaxes fosen borradas da Rede por mor dunha reclamación de copyright provocada pola publicación de imaxes filtradas do filme O Cabaleiro Escuro, primicia mundial que tamén supuxo unha grande exposición para un blog (cunhas 50.000 visitas nun día e a aparición na meirande parte de medios do sector) que converteuse nun dos grandes referentes en fala hispana a nivel mundial dentro da temática que aborda.
Tal é o éxito desta bitácora virtual que o seu responsable asegurou nun encontro hai anos que este proxecto custáballe uns 1.200 euros/anos para manter activo o seu servidor web, mentres que en publicidade só conseguía uns 60 euros/mes, quedando claro que esta afección non é un negocio, e a contraprestación que recibe por este traballo é principalmente honoraria.
Cómpre salientar que todo este periplo na Rede tamén tivo o seu reflexo no mundo real, abrindo portas a Rivero de Aguilar para a súa participación en eventos, a colaboración en distintos medios ou para poder acceder en persoa a figuras como o director de cine Guillermo del Toro, detalles que poden supor un aliciente, pero non son dabondo para xustificar o investimento de tempo diario que precisa este proxecto (especialmente cando se teñen moitas outras responsabilidades), de aí que Uruloki.org diga adeus como diario no que se escolma a actualidade da súa temática, para limitarse a un espazo persoal na que ocasionalmente se publicarán artigos de opinión.
Esta despedida serve para reivindicar o feito de que dende case calquera recuncho do mundo pode conseguirse proxección internacional sobre temas específicos sobre os que poida achegarse coñecemento e/ou paixón.
O blog Uruloki despídese tras preto de 18 anos
Compartir Este Artigo
