O proxecto CoastSnap une comunidades científicas e cidadanía de todos os continentes nunha iniciativa que trata de monitorizar as praias e a dinámica costeira obtendo datos a través das fotografías que envían os visitantes dos areeiros, e esta iniciativa xurdida en Australia en 2017, xa activa en 16 países, ten presenza en Galicia da man da investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica (XM1, CIM-UVigo) Rita González Villanueva.
Esta iniciativa está a desenvolverse nas praias de Rodas, nas illas Cíes; Agrelo, en Bueu; A Lanzada, en O Grove e Area Maior, en Muros. A investigadora explica que «monitorizar as nosas costas e, sobre todo, a erosión das praias é crucial para formular estratexias que poidan facer a costa máis resistente, pero require moito traballo». Por isto con esta iniciativa recórrese á colaboración cidadá no proceso de toma de datos mentres gozan dun paseo ou dun día na praia. O único que teñen que facer é achegarse aos puntos de control instalados nos catro citados areais galegos e sacar unha foto co teléfono móbil, para despois subila á redes sociais do proxecto ou enviala aos investigadores. Ata o momento xa contan con 1.582 imaxes, das que 730 se corresponden ás bases da praia de Rodas, 658 a Agrelo, 127 a Lanzada e 70 a Area Maior.
CoastSnap recorre á cidadanía porque a monitorización a longo prazo require de datos durante moito tempo e adoita ser «difícil de completar sen un equipo de persoas que poidan repetir os estudos nestas áreas con regularidade, rexistrando grandes cantidades de información como pode ser a forma dunha praia, a posición da liña de costa, ancho do areal… etc». É aquí onde a cidadanía pode axudar, recalca González Villanueva, «actuando como científicos e colaborando achegando o seu gran de área».
Para iso, tan só deben empregar os soportes instalados nas praias para apoiar os teléfonos móbiles. «Ao usar esas bases, as fotografías tómanse nunha localización e un ángulo consistentes, o que significa que unha vez compiladas, proporcionan un timelapse da costa e pódense analizar para ver como esta cambia no tempo». Para facilitar o proceso de toma e envío das imaxes, o proxecto conta cunha aplicación móbil.
Deste xeito pódense rexistrar os ciclos de erosión e recuperación, e calquera cambio a longo prazo. Entre as análises xa realizadas, por exemplo, explica Rita González Villanueva, que empregaron as imaxes recibidas para calcular como se foi recuperando a praia de Rodas despois dos temporais do inverno de 2018. Detectaron un aumento do ancho do areeiro con máximos de ata 40m. No caso da praia de Agrelo, en Bueu, tras os temporais do inverno, ao longo do verán de 2019 analizáronse as imaxes coas mesmas alturas de marea, podendo obter as liñas de costa e calcular o ancho de praia para ver así como foi mudando no tempo. Así, despois do inverno a praia de Agrelo foise recuperando, cunha taxa de crecemento media de 0,18 metros por semana.
Fotografías tomadas co móbil poden axudar á monitorización da erosión das praias galegas
Compartir Este Artigo
