
A aparición en Amazon do libro El calor de la ceniza de Xavier Alcalá supuxo todo un revulsivo para o sector editorial galego. Como era posible que un membro do consello de administración da Editorial Galaxia publicase unha versión en español do clásico A Nosa Cinza a través dun xigante do comercio electrónico, fuxindo do modelo tradicional de edición? Estamos ante a constatación de que os vellos modelos están caducos e a transformación dixital é inevitable para sectores tan protexidos como o do libro?
Para dilucidar estas cuestións achegámonos a conversar con Alcalá, a quen moitos tratarán polo seu traballo como enxeñeiro de telecomunicacións, pero a quen moitos máis recoñecerán como autor de varias das obras literarias de lectura obrigada no ensino secundario galego.
– Dado que A Nosa Cinza é practicamente un imprescindible da literatura xuvenil galega, podemos entender que a publicación da súa edición en español é o xeito de abrir ese texto a un público máis amplo? A edición a través de Amazon busca principalmente unha difusión máis ampla da que sería posible mediante unha editorial tradicional?
– O curioso de A nosa cinza é que non a pensei como novela para rapaces, nin moito menos. Don Ricardo Carvalho (que foi quen a puxo en valor e fixo editala) xa o di no limiar da primeira edición: é unha obra realista, moi dura, con toques intimistas e líricos, si, pero con escenas de sexo e violencia… Por iso foi denunciada varias veces por APA (con grande alegría por parte do Carlos Casares, que dicía que así vendiamos máis). Na versión en BD do Manel Cráneo o sexo explícito canta… Leuno moita xente en galego, rapaces e maiores. E, desde hai un tempo, persoas “que sabe de Literatura” (nomeadamente a profesora Isabel Vázquez) influíronme para que publicase a versión en castelán. Fíxeno da mellor maneira que hoxe se pode facer na procura de público: a través de Amazon. Contei coa guía de dúas autoras galegas que traballan profesionalmente nese novo eido, a filóloga Abril Camino e a psiquiatra Anabel González (olla na web os seus perfís). “The world in shrinking” grazas á telemática e á loxistica, e eu teño seguidores das miñas vaidades polo mundo adiante.
– Entendemos que non serán poucos os que ven a túa ousadía como unha traizón pero, en vista dos teus obxectivos como autor, podemos considerar que o sector editorial galego non soubo adaptarse aos novos tempos? Veremos unha revolución nos vindeiros anos?
– Coido que, en xeral, non soubo… Como ben dis, eu son socio accionista da Editorial Galaxia, que aos 70 anos segue a mallar en ferro frío: editar en galego cunha grande produción anual, sobre os 180.000 libros. Ten unha enormidade de títulos (máis de 2.300) dos que centenas poden superar calquera barreira idiomática. Imaxina long-sellers dos meus, coma A nosa cinza, Fábula, Alén da desventura… Imaxina os clásicos absolutos de Cunqueiro ou Blanco-Amor… A miña proposta como membro do consello de administración de Galaxia, que ben coñecen o presidente e o conselleiro delegado, é a que Galaxia procure a exportación de títulos traducidos aos tres idiomas europeos de proxección global: inglés, castelán e portugués. ¿Como? Usando toda a potencia do que defende Código Cero: a web. No mundo actual “só existe o que se ve na web”
– Cando un autor se autopublica está colocando sobre os seus ombros moito peso, xa que a obra é algo máis que o texto que a compón, e hai que saber armar o produto para que poidan funcionar nun mercado competitivo. Como está a ser esa experiencia? Pon en perspectiva o valor do traballo editorial? Axuda a entender como funciona o mercado actualmente e a tender pontes cos lectores?
– A miña experiencia (e contando coas de Anabel Gónzález e Abril Camino) é que hai dous tipos de autoedición e de autores que autoeditan. Hai grandes plataformas de autoedición, coma a Caligrama do grupo Penguin Random House, que editan minuciosamente os orixinais que se lle envían, e en paralelo está Amazon, que fabrica libro e vende calquera texto con calquera portada, sen intervir na edición. Eu recomendaría as do primeiro tipo para quen comeza, pero recomendaría Amazon aos autores con traxectoria. Neste caso (que é por agora o meu) hai que “facer edición propia previa”. Eu estou moi contento coa revisión do texto en detalle, e a súa maquetación, que me fixo a Abril Camino, licenciada en Filoloxías Española e Inglesa; e coa portada magnífica, suxestivísima, que me fixo Manel Cráneo. Con eses compañeiros de viaxe, as pontes quedaron tendidas.
– Tendemos a pensar que editar a través de Amazon limítase a libros electrónicos, pero a plataforma tamén permite vender libros en papel. A impresión baixo demanda, aínda que non é a máis axeitada para todas as situacións, abre moitas oportunidades. Veremos un futuro no que queden obsoletos conceptos como tiraxe e número de edición, así como o desastre de imprimir e distribuír volumes que rematan destruíndose porque non chegan a mans de ningún lector?
-Bingo, Marcus. Recoñezo que leo en Kindle con moito gusto, como fas ti e tanta xente fai, pero teño aínda comigo a lembranza do que significa o libro-obxecto. De maneira que, por exemplo, conservo algúns dos libros de infancia que menciono en A nosa cinza – El calor de la ceniza. Con todo, acabas de dicir unha verdade total: acabouse imprimir a vulto, por intuición. Galaxia xa hai tempo que practica unha impresión “case baixo demanda”, que permite minimizar o almacén. E, coma ela, moitas editoriais andan á procura do “just in time” do libro na librería ou no sistema loxístico de entrega na man do lector. A conversión en papelote é do máis anti-ecolóxico que poidamos imaxinar.
– O libro electrónico, pola súa banda, parecía chamado a imporse, pero topou moita resistencia por parte das editoriais, que non estaban dispostas a eliminar elos da súa cadea de produción. Estamos ante unha batalla perdida? É o libro electrónico inevitable?
– Teño a percepción (en non é só miña: é a do presidente de Galaxia e de membros do consello de administración) de que vai haber unha longa convivencia de formatos. Por exemplo, eu non vexo en formato electrónico Cinza, a versión en BD de A nosa cinza que ultima xa Manel Cráneo. Lembro os meus tempos en Bruxelas, capital do “país do cómic”, e como os rapaciños no metro lían historias en cadriños que vían no móbil. Cando vou ao estudio do Cráneo vemos as páxinas enteiras nunha boa pantalla. Iso tamén me leva aos meus tempos de profe de Fundamentos Teconolóxicos dos Multimedia: como explicaba daquela, o cerebro integra non só cadriños de cómic senón conxuntos deles… Un libro con moito peso gráfico funciona en papel moi ben. E non esquezamos o pracer de ter á man un libro gardado con cariño na biblioteca da casa. As librerías non van desaparecer; sempre haberá libreiros que coñecen obra e saiban recomendar. Ti e eu xa o temos falado: a librería especializada é unha necesidade.
– Aínda que a esencia dun libro sexa o seu contido, en papel sabemos ver moi ben certos valores que aportan calidade á edición, mentres que en dixital parecemos obviar que iso tamén acontece. Podemos afirmar que o coidado na edición dixital é tamén unha peza importante para o seu éxito e que precisamente a falta de calidade de moitas edicións é o que provoca a súa irrelevancia?
– Outra boa pregunta, que me leva ao que che acabo de dicir: falando en termos dos nosos, en píxels, ben sabes que o ollo non é capaz de integrar máis que uns millóns deles; e tamén que, para que “non se che quenten os neuronios” (coido que se quentan coma os elementos discretos dos chips, ¿non?) hai uns tamaños de pantalla “descansados” para as persoas adultas. Os tamaños pequenos só se adecúan ben para cativos e rapaces. A partir dos 35-40 anos todos temos presbicia. A edición dixital ten que contar con calidade gráfica e facilidade de lectura. Hoxe os dispositivos electrónicos procesan marabillas pero, seguindo coa teoría básica da comunicación, ao destino non chega nada con calidade se a fonte carece dela.
– O control editorial en mans do autor, especialmente en soportes dixitais, que vantaxes ten? É algo meramente comercial ou vai máis aló?
– A verdade é que eu son un autor atípico; non me interesan os cartos senón a difusión da miña obra, pero é un gusto ver como avanzan as vendas de Amazon todos os días. Pena que Amazon non nos indique a orixe delas… Ora, no caso dunha autora profesional en exclusiva coma a Abril Camino, o xogo dos medios telemáticos (redes sociais, sitio propio na web etc.) é fundamental para o labor de difusión que se ve compensado coas vendas. Iso non está aínda implementado por parte das editoras tradicionais. E deberían implementalo. O autor debería saber día a día como vai o seu produto no mercado.
– Ao falarmos de libros electrónicos tendemos a pensar que os usuarios os consomen en lectores específicos, cando hai quen le en smartphones, tabletas, ordenadores… Este escenario tan dinámico achega liberdade e ubicuidade, pero tamén introduce á literatura na batalla pola atención. Os libros non o teñen moi complicado cando xa non compiten só contra outros libros, senón tamén con moitos outros contidos de texto e audiovisuais?
– Esta pregunta ten dúas partes de resposta. En primeiro lugar, eu son partidario de toda canta aplicación haxa para ler en canto dispositivo electrónico poidamos e queiramos usar. Hai quen goza indo para o diván ou para a cama cun tablet (que en galego deberiamos chamar “lousa” ou “lousiña”, porque iso é o que tablet quere dicir en inglés). En segundo, volvo ao que tantas veces lles dixen aos meus alumnos de Ciencias da Comunicación: non hai nada tan multimediático coma a narración en formato textual. Nas batallas do cine non cheira ao principal delas: a pólvora. Un bo narrador textual sabe suxerilo…
– Sobre a diversidade de formatos, tamén está o fenómeno dos audiolibros, que en España nunca foron populares nos seus formatos orixinais, pero que están a procurar chegar ao grande público a través de plataformas dixitais de subscrición. É preciso esforzarse para que a creación en galego consiga facerse un oco nese mercado emerxente ou tal formato está condenado ao fracaso na nosa sociedade?
– Segundo bingo, Marcus: estamos sempre a falar de normalización lingüística e de loita contra o “neocastrapo” pero neste terreo non aparece unha iniciativa nin privada nin pública. Esa é outra das miñas propostas para Galaxia: organizar unha canle de obra lida (volvo ao caso dos clásicos) para acceso en liña ou por descarga en aparello reprodutor. Os servizos en modo web hoxe fano moi doado, mesmo de pago por cota de acceso ou descarga. Imaxinemos tantas horas de exercicio físico ou de condución, ou viaxe en medio público, a escoitar marabillas coma Merlín e familia ou A esmorga (e non digo A nosa cinza, pero si, tamén…)
– Nos últimos anos hai quen critica que cando un actor acode a un casting ou un escritor se achega a unha editorial, antes de ter en consideración o seu traballo miran se ten un volume importante de seareiros nas redes sociais. Un novo creador que non constrúa comunidade no contexto actual podemos dicir que é un creador morto? A idea do autor ermitán é cousa do pasado e cómpre baixar do pedestal para poder manter unha actividade creativa?
Coido que a pandemia está a acelerar procesos que xa estaban en marcha. Sempre me produciron hilaridade os escritores que andaban coa andrómena de “eu escribo para min”. Mentira rotunda: escribimos para os demais; e non me canso de recomendar a lectura do Why I Write de George Orwell: aínda máis, os escritores somos coma os meniños que choran, cando están limpiños e mantidiños, só por chamaren a atención. Certamente, hoxe un autor que non coide as conexións telemáticas co mundo é un “morto en vida” e non hai editor ao que lle interese.
– Volvendo a El calor de la ceniza, estamos só ante a primeira de moitas publicacións de Xavier Alcalá a través de Amazon?
– Estamos. Xa teño preparadas tres máis. A seguinte é Calamity Bound, a versión inglesa de Alén da desventura. O meu obxectivo é crear unha Biblioteca Xavier Alcalá, como deberían procurar facer todos os autores galegos con obras dabondo. O sistema editorial español é moi hispano-madrileño: coida que “en dialezzztos de provincia” non se pode escribir nada bo. Hai que demostrar que están errados a base de cifras de venda polo mundo desde Amazon ou desde as plataformas específicas de Literatura que lle veñan facer a competencia.
