En 2015 nacían case simultaneamente as aplicacións Meerkat e Periscope, que loitaban por dominar o vídeo en directo dende o móbil, tendo Meerkat que darse por vencido aos poucos meses, por non contar co respaldo cunha plataforma como Twitter, que rematou integrando Periscope dun xeito bastante profundo, de xeito que actualmente o público xa non tiña a percepción de que Periscope existía, senón que simplemente era a opción de directos de vídeo de Twitter.
Dende Twitter recoñecen que a aplicación de Periscope leva un par de anos na neveira, e en vista de que esta plataforma de vídeo decaeu moito en nivel de uso, consideraron que era o momento de dicirlle adeus, e anuncian que borrarán a aplicación de Periscope das tendas de aplicacións en marzo de 2021. Os usuarios do servizo tamén terán ata tal data para poder gardar os datos e as retransmisións de Periscope, xa que os datos eliminaranse en marzo.
Isto non quere dicir que Twitter diga adeus ás retransmisións de vídeo, senón que centrarán os seus esforzos na aplicación principal e prefiren desbotar unha aplicación que mantiñan dun xeito totalmente innecesario. Amais cómpre mencionar que Twitter pechou a compra da aplicación de vídeo social Squad, para pechala, polo que podemos entender que en breve integrarán as funcionalidades de Squad en Twitter, de xeito que a retirada de Periscope podemos velo como un xeito de facer un oco para Squad.
Twitter anuncia o peche de Periscope
Compartir Este Artigo
