O Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) ten paralizadas a súa páxina web e a súa sede electrónica por mor dun ataque informático, e segundo a Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF) o incidente paralizou a actividade do organismo en todo o Estado, de xeito que nin as 710 oficinais presenciais nin as 52 telemáticas poden operar.
Ao parecer, os responsables informáticos do SEPE están a procurar identificar como se produciu esta infección de ransomware que afectou tanto a ordenadores dos postos de traballo como a portátiles dos teletraballadores (sendo bastante probable que esteamos ante un ataque con Ryuk, ransomware que xa se empregou no pasado contra outras infraestruturas públicas españolas), e a situación está a retrasar a xestión de centos de milleiros de citas en toda España, o que incrementará aínda máis a carga de traballo deste servizo saturado dende o comezo da pandemia.
A CSIF manifesta a súa preocupación polo fallo de seguridade e insiste na súa necesidade de modernización, xa que «as súas aplicacións e sistemas informáticos teñen unha antigüidade media duns 30 anos».
Un ransomware paraliza o SEPE
Compartir Este Artigo
