No marco das conmemoracións do Día Mundial do Teatro, o Consello da Cultura Galega quixo unirse ás celebracións cunha actividade que debe moito ás artes escénicas pero tamén as vertentes máis avanzadas da transmisión dixital do coñecemento. Fíxoo coa adaptación ao formato podcast da histórica peza teatral La Lindona de Galicia. Na actividade o CCG explica e ficciona en cinco episodios sonoros a célebre comedia do Século de Ouro, cuxo argumento xira arredor dunha brava muller que fala en lingua galega e que, segundo fixo saber o Consello, “afástase dos arquetipos da época”.
A adaptación ao formato podcast foi dirixida por Tito Asorey, quen tamén a protagoniza xunto con Melania Cruz, Sergio Zearreta e Josito Porto.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o coordinador do proxecto, Manuel Gago; e o director da adaptación, Tito Asorey, presentaron esta innovadora proposta cultural para conmemorar o Día do Teatro, un podcast en capítulos que comeza a emitirse este 26 de marzo acompañados de artigos contextualizadores.
Unha muller galega con carácter
Segundo fixo saber Rosario Álvarez, “Lindona é unha muller de forte carácter que se rebela ante a traizón do rei García, ademais fala galego”. E engadiu: “Non é infrecuente o uso do galego no teatro do Século de Ouro ou no teatro portugués pero é un emprego paródico, con personaxes cubertos con trazos humorísticos. Nada que ver coa Lindona, na que non hai nada paródico e onde destaca a dignidade desa posición” explicou a presidenta.
O especial
“Presentamos un proxecto de divulgación orientado a tomar un suxeito histórico do Século de Ouro e contribuír a enriquecer e incorporar esta figura que pode no futuro tomar novas formas” explicou Manuel Gago, coordinador do proxecto. O especial presentado en rolda de prensa contén dúas partes. Dunha banda están unha serie de artigos elaborados por destacados especialistas que explican e contextualizan a importancia de La Lindona de Galicia, peza teatral que foi escrita nas primeiras décadas do século XVII polo autor murciano Andrés de Claramonte. Unha obra que foi moi representada durante dous séculos e que conta unha historia de enredo entre Lindona e o rei García, coa perda do reino de Galicia como pano de fondo. Da outra está a ficción sonora da peza, que foi adaptada a formato podcast baixo a dirección de Tito Asorey.
O elenco da obra está formado por Melania Cruz (que fai as voces de Lindona e a da súa filla, Linda), Josito Porto (que interpreta a don Diego, Gallego, Vasco, Mormojón e o rei), Sergio Zearreta (o rei Sancho e o príncipe) e mais o propio Asorey (García e Ordoño). Foi sonorizada por Chus Silva e gravada nos estudios Potemkin. Na presentación, Tito Asorey destacou que foi “un fascinante traballo de dramaturxia que houbo que adaptar de tres actos a unha ficción dos cinco episodios”.
Cada episodio será accesible desde a web do CCG pero tamén desde plataformas do acceso a podcast como Anchor, Spotify e IVOOX.
Ademais, no especial pódese descargar a edición considerada a máis antiga do texto, que foi dixitalizada pola Biblioteca Estatal de Baviera.
O CCG transforma La Lindona de Galicia nun podcast en cinco capítulos
Compartir Este Artigo

