Tres investigadores do Campus de Ourense veñen de publicar un libro sobre a aplicación práctica da computación na nube e sen servidor. A obra, titulada Cloud and Serverless Computing for Scientists. A Primer, ten o obxectivo de achegar ao público interesado exemplos prácticos e reais da aplicación da dita tecnoloxía cloud.
Os autores da publicación, da editorial internacional Springer, son Juan Antonio Añel, profesor e investigador do grupo da Universidade de Vigo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-CIM); Diego Pérez, investigador de doutoramento do mesmo grupo; e Javier Rodeiro, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense.
Con 3000 copias en formato de libro electrónico vendidas desde a súa publicación, destacan “a boa acollida que está tendo a obra entre diferentes públicos”. Segundo explican, brinda unha introdución á computación na nube e á computación sen servidor, e está especialmente encamiñada a achegar información práctica ao alumnado, a persoal investigador e ás organizacións de I+D a través de varios exemplos prácticos. “No canto de centrarse exclusivamente nos problemas computacionais relacionados coa computación na nube, centrámonos en abordar as aplicacións multidisciplinares da computación na nube para o traballo diario de investigación en institucións públicas e empresas privadas”, sinalan os seus autores. Os exemplos inclúen campos de aplicación como a arqueoloxía, as xeociencias, as ciencias da computación, a medicina e a física.
Investigadores da UVigo lanzan un libro con aplicacións prácticas da computación na nube
Compartir Este Artigo

