O Concello de Lugo vai destinar 152.000 euros nun ambicioso plan de emprego para a cidadanía, un plan destinado a 1.120 lucenses sen traballo que inclúe unha importante vertente de capacitación tecnolóxica: amais de contidos sociosanitiarios e de competencias en linguaxe e matemáticas, abrangue un lote de creación de webs e outro de formación online con alcance para 1.000 persoas. A iniciativa enmárcase na estratexia de recuperación económica do municipio, dotada con máis de 20 millóns de euros.
A alcaldesa Lara Méndez explicou que a escolla destes contidos “obedeceu á necesidade de que os perfís laborais actuais se axusten ás carreiras profesionais con maiores expectativas de inserción, tendo en conta os novos condicionantes do mercado de traballo”. Segundo a rexedora, “trátase dunha mostra máis do noso compromiso polas políticas activas de emprego, nun momento especialmente delicado pola situación de pandemia mundial, sen precedentes, que nos tocou vivir”.
Baixo estas premisas, a xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento de contratación desta iniciativa que se enmarca dentro da Estratexia Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía Local do Concello de Lugo deseñada por Lara Méndez xa en marzo de 2020.
Respecto do lote número 2, centrarase como dixemos na confección e publicación de páxinas web, “xa que a COVID-19, puxo de manifesto a necesidade de contar con persoal cualificado nesta materia e sería un erro ignorar que o tecido empresarial tende á súa transformación dixital, a través da incorporación das novas tecnoloxías para as súas vendas, visibilidade e presencia nas redes”, sinalou a alcaldesa, explicando que a competencia xeral deste módulo oriéntase á creación de páxinas web integrando textos, imaxes e outros elementos, utilizando a linguaxe de marcas e editores apropiados e realizando os procedementos de instalación e verificación das mesmas no servidor correspondente.
En canto ao terceiro lote, que contará con dúas edicións para cada unha das tres especialidades que recolle, persegue a obtención de competencias clave tanto en matemáticas (identificar os elementos matemáticos presentes na realidade e aplicar o razoamento matemático na solución de problemas relacionados coa vida cotiá, utilizando os números e as súas operacións básicas, as medidas, a xeometría, a álxebra e a análise de datos) como en comunicación en lingua galega e castelá (comprensión axeitada do contido fundamental de textos escritos sinxelos e producións orais, participación en interaccións orais respectando as normas de convivencia así como a construción de textos sinxelos relacionados coa vida profesional e cidadá, con coherencia e cohesión textuais, e corrección gramatical).
O bloque da formación en liña terá un alcance de 1.000 persoas ás que se lles ofertarán cursos mediante unha plataforma telemática. “Impartiranse un mínimo de 100 accións formativas pertencentes a diferentes familias profesionais (actividades físicas e deportivas; administración e xestión agraria; artes; comercio e mercadotecnia; edificación e obra civil; electricidade e electrónica, enerxía, informática; mantemento de vehículos, imaxe persoal, etc) desenvolvéndose todas elas a través de aulas virtuais titorizadas por docentes especializados”, referiu Lara Méndez que mencionou que algúns cursos como o de manipulador de alimentos, ofimática, community manager ou xestión de vendas serán de obrigada oferta.
Lugo impulsa un plan laboral de choque con formación en creación de páxinas web
Compartir Este Artigo

