O Concello de Lousame xestionou un acordo coas principais operadoras de telefonía móbil para estender os servizos da rede de última tecnoloxía na banda 800 MHz en todas as parroquias do municipio. Así, nos vindeiros meses esta tecnoloxía estará dispoñible ao longo do termo municipal e ampliándose agora cara a Camboño e Tállara. Deste xeito, informa o Concello, “a veciñanza lousamiá poderá gozar de conexións móbiles de alta velocidade sobre extensión xeográfica”.
O Goberno de Lousame engade que as melloras desenvolvidas sobre esta nova banda de frecuencias melloran a velocidade de conexión a Internet, os servizos de televisión baixo demanda, as descargas de música así como decenas de novos servizos, permitindo conseguir velocidades de ata 150 Mbps. “Esta nova rede de telefonía móbil introduce dúas melloras fundamentais: a primeira é a solvencia dos diversos problemas relacionados con orografías complicadas presentes na xeografía lousamiá onde tradicionalmente fallaba a cobertura, e a segunda é a gran penetración en zonas interiores das edificacións”, explican fontes do Concello, poñendo o foco sobre outro dos puntos importantes desta tecnoloxía: que permite o uso de innovadores servizos e aplicacións e proporciona significativas melloras tanto en velocidade de descarga como de envío de datos.
O Goberno tamén fai saber que a implantación desta mellora na rede podería ocasionar nalgún caso incidencias no sinal da Televisión Dixital Terrestre (TDT), polo que a veciñanza pode solicitar unha revisión gratuíta para solucionar calquera problema en relación coa nova rede de telefonía. As veciñas e veciños que necesiten esta revisión poden chamar ao teléfono 900 833 999 ou enviar un correo a ayuda@llega800.es
Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, sinalou que “este acordo supón unha importante mellora no día a día da veciñanza do noso concello, especialmente, nun momento no que as conexións a Internet son esenciais para o desenvolvemento social. Por exemplo, no último ano, por mor da pandemia da COVID-19 o teletraballo impúxose na realidade de numerosas empresas, polo que dotar de ferramentas dixitais á cidadanía é máis necesario ca nunca. Se ben, seguiremos traballando insistentemente para conseguir novos proxectos para estender estas redes de telefonía a todos as parroquias do noso municipio”.
Lousame estende a rede de alta velocidade a todas as parroquias grazas a un acordo coas operadoras
Compartir Este Artigo

