O Concello de Ferrol presentou este mes de abril unha iniciativa tecnolóxico-turística para mostrar dun xeito innovador os tesouros da cidade e a súa contorna. En concreto, a iniciativa inclúe poñer a disposición dos visitantes e residentes unha serie de paus selfie en lugares emblemáticos de Ferrol para “facilitar a promoción da cidade nas redes sociais”.
Esta iniciativa pioneira en Galicia, moi estendida xa noutras comunidades como Catalunya ou Andalucía, foi dada a coñecer pola concelleira de Turismo, María Teresa Deus, quen dixo que a idea “é facilitar ás persoas que visitan a cidade a toma de imaxes en algúns dos lugares representativos de Ferrol, e, tamén, servir de promoción turística”.
Segundo fixo saber, nas instrucións do propio pau hai un convite para subir as fotografías resultantes ás redes sociais incluíndo etiquetas recomendadas e proporcionando unha ligazón a Instagram mediante código QR. Así, engadiu, os propios turistas “convértense nos mellores embaixadores de Ferrol”.
O primeiro dos seis paus incluídos de partida ficou colocado esta mañá na praza de Armas. Os outros cinco espazos son a praza de Galicia (co Teatro Jofre de fondo), Amboage, os Xardíns de Herrera, o porto de Curuxeiras e o Auditorio de Ferrol. O proxecto parte da Sociedade Mixta de Turismo e conta cunha subvención da Deputación da Coruña, que financia un 80 % do custo, próximo aos 12.000 euros impostos incluídos.
A edil fixo saber, tamén, que o deseño dos paus selfie ten lixeiras modificacións sobre o orixinal “co fin de adaptalos á tipoloxía do mobiliario urbano ferrolán”.
Ferrol pon a disposición dos turistas paus selfie nos seus enclaves máis emblemáticos
Compartir Este Artigo

