A aposta de Spotify polo podcasting cada vez queda máis patente, e tras a adquisición de varias empresas de tal sector anuncian agora, que conta con 345 millóns de usuarios activos ao mes, o inicio dunha plataforma de subscrición de pagamento para podcasts, que bota a andar nos EE.UU. coa intención de chegar ao resto do mundo nos vindeiros meses.
Esta nova característica chega aos creadores a través de Anchor, unha das empresas adquiridas por Spotify, e permite que os creadores poidan marcar episodios como exclusivos para subscritores, recibindo o 100% dos ingresos (agás a comisión pola transacción de pagamento) durante os vindeiros 2 anos. A partir de 2023 cobrarán unha comisión de só o 5%.
Para facilitar que os usuarios atopen os podcasts de pagamento, estes aparecerán nas buscas dentro de Spotify, figurando os contidos de pagamentos etiquetados coa icona dun cadeado.
Amais, Spotify está a preparar unha Open Access Platform (OAP) para facilitar que os creadores que xa teñan subscritores de pagamento, poidan trasladar esa base de usuarios coas súas credenciais para poder empregar Spotify como ferramenta de reprodución dos contidos, facilitando así que os creadores manteñan o control dos seus contidos.
Dende Spotify tamén quere facilitar que os creadores de podcast poidan tirar proveito publicitario do seu material, polo que lles abren o acceso á rede publicitaria de Megaphone. Sumando estas prestacións Spotify quere converterse nun espazo ideal para a publicación de podcasts, xa que os creadores poden así chegar a un grande público e, amais, tirar proveito económico do seu traballo.
Spotify estrea podcasts de pagamento
Compartir Este Artigo
