A empresa galega Alén Space, especializada na fabricación e operación de pequenos satélites para todo tipo de aplicacións, vén de subir un novo chanzo no camiño de converterse nun referente internacional no seu ámbito New Space. En concreto, confirmou a súa participación no proxecto Alfa Crux da Universidade de Brasilia (UnB) para o desenvolvemento dun CubeSat que permitirá a realización de investigacións e experimentos no ámbito das comunicacións baseadas na Internet das Cousas (IoT).
A misión, que conta co apoio da Fundação de Apoio a Pescuda do Distrito Federal (FAPDF) e da Axencia Espacial Brasileira (AEB), tamén estudará a caracterización dos efectos do clima espacial nas comunicacións por satélite en latitudes ecuatoriais.
Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre a UnB e Alén Space, que permitirá o uso as súas instalacións e o seu programa de adestramento e capacitación especializado no desenvolvemento de nanosatélites (Hands-on Training Programme).
A empresa galega explica que a integración e validación do CubeSat realizarase este verán na súa sede de traballo, coa presenza dos estudantes brasileiros. O obxectivo é que “o nanosatélite estea listo e entregado ao lanzador entre os meses de outubro e novembro de 2021”.
Alén Space engade que “a planificación marcada permitiría realizar a misión completa nun tempo marca de oito meses”, buscando en todo intre tirar proveito “da nosa experiencia en máis de 12 anos de deseño, fabricación e operatividade de pequenos satélites”.
Plataforma 1U
Alén Space informa que tanto o equipo galego como o brasileiro traballarán xuntos no satélite Alfa Crux, “unha plataforma 1U que inclúe sistema de potencia, paneis solares, baterías, computador de a bordo, sistema de comunicacións, antenas e estrutura; software de a bordo e de control de misión; e unha carga útil Totem SDR, preparada para a realización de demostracións de comunicacións e experimentos SDR (Radio Definida por Software)”.
Ademais, inclúese unha solución integral GS-Kit para a instalación na Universidade de Brasília dunha estación terrea de seguimento do satélite.
O porqué do nome
Renato Borges, profesor da UnB, fai saber que o nome do proxecto é unha homenaxe á estrela Alpha Crucis, a máis brillante na constelación da Cruz do Sur (Crux), e unha das que máis luz emite das que se poden ver no firmamento: “A motivación para elixir este nome ten que ver co feito de que esa constelación é a máis coñecida das que podemos ver no hemisferio sur. Ten especial importancia en navegación e orientación, sendo coñecida desde a época dos antigos gregos. A estrela Alpha Crucis aparece na bandeira brasileira e tamén no seu escudo de armas. É sinónimo de guía, de referencia e tamén de responsabilidade e excelencia. Nese sentido, este conceptos resumen os obxectivos xerais desta misión: converternos nunha referencia de excelencia e dedicación, e un exemplo a seguir para o avance das actividades espaciais nesta era do New Space”.
En palabras de Alberto González, director de tecnoloxía e co-fundador de Alén Space, “Alfa Crux é un gran exemplo de misión para sentar as bases dun programa de New Space en Brasil e estamos moi contentos de ter a oportunidade de cooperar e pór a nosa tecnoloxía e experiencia ao servizo do equipo da UnB. As nosas solucións demostran unha vez máis que poden ser de utilidade para diferentes aplicacións e a UnB pensou en innovadores ámbitos de uso para a nosa tecnoloxía. Estamos seguros de que este será o primeiro dunha serie de proxectos e misións da UnB, e encántanos participar nesa folla de ruta”.
A galega Alén Space desenvolve un nanosatélite para a misión Alfa Crux da Universidade de Brasília
Compartir Este Artigo

