
O taller contou coa participación de representantes de empresas galegas tecnolóxicas e do sector do benestar, Ineo e o Clúster da Saúde de Galicia (CSG), que compartiron cos asistentes as experiencias e os resultados dos procesos de dixitalización que xa implantaron, ademais de incidir na relevancia das empresas destes ámbitos no desenvolvemento económico da Comunidade.
Neste sentido, o director do Igape subliñou que os fondos europeos Next Generation brindan “unha oportunidade para incidir na necesaria transformación tecnolóxica e o avance dixital de todo o tecido produtivo galego, especialmente das peme”.
Segundo apuntou, os 354 proxectos (247 de iniciativa pública e 107 privada) que inclúe a candidatura aos Next Generation na que traballa o Goberno galego poderían chegar a mobilizar investimentos por preto de 20.000 millóns de euros e están clasificados a partir das cinco cadeas de valor sobre as que teñen un maior impacto: a sanitaria, que suma o 9% dos investimentos proxectados; a economía circular e a transición enerxética, que constitúen o 55% do total; a mobilidade sustentable, que acada o 8%; os Hubs de Innovación Dixital, a Industria 4.0 e as TIC, o 16%; e a cadea mar-industria e agro-industria, que chegan ao 12% do total dos investimentos.
Ineo e IGAPE salientan a necesidade de transformar a nosa economía para gañar en competitividade e oportunidades
Compartir Este Artigo

