A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) asinou este 20 de maio un convenio de colaboración coa empresa tecnolóxica DooingIT que permitirá o acceso a servizos de ciberseguridade ás organizacións e empresas integradas na entidade empresarial galega.
Mediante este acordo, que ratificaron o presidente da CEC, Antonio Fontenla, e o director da empresa, Juan Carlos Rodríguez Lemos, porase a disposición da CEC e as súas organizacións e empresas asociadas unha serie de prestacións tecnolóxicas de interese de cara aos avances que están a dar estas entidades en materia de dixitalización e transformación.
Entre estas presentacións cómpre salientar a avaliación gratuíta de riscos coa xeración dun informe de situación e recomendacións para optimizar e mellorar sistemas, a análise automática e externa de vulnerabilidades; o acceso a formación de balde mediante pílulas informativas, cursos de ciberseguridade con descontos especiais e máis unha área de contratación online de pólizas de ciber-seguro a prezos competitivos.
O presidente da CEC, Antonio Fontenla, resaltou a importancia deste convenio e dixo que “nun mundo no que a tecnoloxía cada vez adquire unha maior relevancia, é fundamental que o noso tecido empresarial poida dispor da maior protección posible fronte aos ataques informáticos”.
Pola súa banda, o director de DooingIT, Juan Carlos Rodríguez, asegurou que “todas as empresas temos os mesmos problemas de seguridade, con independencia do noso tamaño, polo que adquire especial importancia o achegamento de solucións de protección online tamén ás empresas máis pequenas ou con menos recursos económicos”.
DooingIT achegará servizos avanzados de ciberseguridade ás empresas da CEC
Compartir Este Artigo

