Este domingo 23 de maio a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela presentará no Auditorio de Galicia a proposta didáctica Os nosos instrumentos hoxe. Son un total de 11 melodías, tocadas con 17 instrumentos tradicionais, e incluídas nun DVD de agasallo para quen asista. Este DVD foi dado a coñecer este 20 de maio pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e os autores do proxecto: o intérprete e mestre de instrumentos Suso Vaamonde; e o director da banda, Casiano Mouriño.
O DVD de Os nosos instrumentos hoxe, do que se editaron en principio 1.500 unidades, distribuirase, a través da concellaría de Educación, nas escolas e institutos de Santiago de Compostela. Tamén está previsto que chegue, máis adiante, ao resto de centros escolares de Galicia, que xa poden acceder a todos os contidos na canle de You Tube da Banda Municipal de Música de Santiago.
A estrutura do DVD artéllase en tres partes: a visualización só do concerto da Banda de Música co solista, a modo de concerto didáctico musical; a visualización só das explicacións dos instrumentos un por un, o que constitúe un importante material de traballo para os centros de ensino; e a visualización combinada, na que antes da interpretación de cada tema musical, o solista explica o funcionamento e características do instrumento que se vai escoitar.
Cada DVD leva por detrás un código QR, que permitirá acceder a toda a información acubillada.
Amais, o feito de que os contidos estean online permitirá, en palabras de Vaamonde, “o acceso desde todas as partes do mundo” e universalizar o que Rosón definiu como “unha viaxe musical a través das nosas raíces”.
Santiago achega un DVD sobre os nosos instrumentos para distribuír nos centros educativos
Compartir Este Artigo

