A Consellería de Emprego e Igualdade vén de constituír a Comisión de Mulleres nas TIC. Este equipo de traballo encargarase de realizar “unha análise pormenorizada” da situación das galegas na súa relación coa tecnoloxía tanto no eido laboral como do lecer, a crianza, o consumo, a comunicación e a formación.
O estudo desenvolverase no marco dos traballos do Consello Galego das Mulleres, o órgano colexiado de carácter consultivo no que están representadas todas as consellerías da Xunta, as asociacións e federacións de mulleres, as organizacións empresariais e sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas e os concellos por medio da FEGAMP.
O obxectivo, como dixemos, é coñecer o papel das mulleres galegas ante as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, con especial atención á fenda tecnolóxica que as separa dos homes, visible especialmente á hora de elixir os estudos universitarios. En última instancia quérese crear un alicerce firme para a aplicación de solucións.
A Comisión afondará en cuestións como os usos que a poboación feminina fai das TIC, que coñecementos teñen ao respecto e que necesidades formativas. Ademais estudará se existen diferencias entre o mundo rural e o urbano, por idades ou por factores de índole socioeconómica.
O Goberno galego activa un equipo de traballo para coñecer a relación das galegas coas TIC
Compartir Este Artigo

