Para sermos bos profesionais das novas tecnoloxías ou de calquera outro ámbito de traballo, non abonda, hoxe en día, con desenvolver axeitadamente o labor propiamente dito que nos foi encomendado. Cómpre acompañar todas as tarefas cotiás de medidas que garantan a seguridade e a protección das informacións e as comunicacións que nos atinxan e atinxan aos demais, salvagardando o noso, o da nosa empresa e tamén o dos compañeiros, colaboradores, socios e clientes. Co fin de achegarnos recursos eficaces neste punto, Vitae Consultores organiza esta tempada a segunda edición do curso Introdución á Ciberseguridade TI no Posto de Traballo.
Serán 15 horas de formación, a desenvolver a través da aula virtual de consultora galega. Os contidos impartiranse os días 15, 17, 21, 23, 28 e 30 de xuño.
Segundo explican fontes de Vitae, esta actividade formativa “aportará os coñecementos e as ferramentas precisas ao traballador para que coñeza o seu papel se atope totalmente concienciado coa necesidade de ser parte activa da seguridade TI na súa empresa, integrándose nos esquemas de seguridade que se atopen despregados e entendendo como dar cumprimento ás diferentes normas legais en protección tecnolóxica, así como a automatización das boas prácticas á hora de manexar activos na organización”.
En concreto, familiarizarase ás persoas asistentes cos seguintes puntos:
-Os fundamentos da seguridade informática no posto de traballo.
-Os fundamentos tecnolóxicos e a súa seguridade.
-Os regulamentos actuais en materia de protección da información, como a RGPD e a LOPD.
-As pautas para previr os riscos na seguridade TI no posto de traballo.
O curso está dirixido aos profesionais que empreguen as tecnoloxías da información no seu día a día, de calquera sector ou área. Non será preciso ter ningún coñecemento previo de ciberseguridade ou seguridade TI.
A persoa encargada de impartir esta actividade formativa será Gonzalo Sotelo, responsable do equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, diplomado en Policía Xudicial pola Universidade Complutense e en Investigación Tecnolóxica pola Garda Civil, Europol e Interpol, amais de ter formación de diferentes cursos relativos á seguridade informática e a investigación tecnolóxica.
Vitae bríndanos unha nova oportunidade de asistir ao seu curso de introdución á ciberseguridade no posto de traballo
Compartir Este Artigo

