A Fundación Telefónica presentou este primeiro de xuño o seu Informe da Sociedade Dixital en España 2020-2021: O ano en que todo cambiou, un novo estudo da operadora que pon o foco, como se indica no seu nome, no importante elemento de transformación tecnolóxica que xerou a crise sanitaria, unha circunstancia que obrigou a toda a sociedade a delegar na contorna online boa parte da actividade que viña desenvolvido offline. Isto foi aplicable, por enteiro, ao eido empresarial. Segundo se fai saber no informe, Galicia non foi unha excepción, e a pandemia acelerou a dixitalización da sociedade e as empresas galegas. Na nosa terra apercibiuse un notable incremento do uso das redes sociais, as vídeo-chamadas e o comercio electrónico.
Máis datos relativos a Galicia
No informe dise que a porcentaxe de persoas que usan diariamente Internet en Galicia é xa do 75,2%, o que supón un incremento do 8,2% respecto de 2019, mentres medra un 27,1 % respecto dese ano a porcentaxe de galegos que utiliza Internet para realizar chamadas ou vídeo-chamadas, situándose no 68,6 por cento.
Por outra banda, máis da metade das galegas e dos galegos (o 55,5%) usa as redes sociais e, no ámbito da formación, o 21% realizou algún curso por Internet en 2020, o que supón un incremento do 27,1%. Todos os parámetros de formación online aumentaron, e o 30,4% dos galegos utiliza xa de forma habitual material de aprendizaxe en liña.
“Estes fortes incrementos da actividade dixital”, sinálase no informe, “son especialmente relevantes no ámbito das compras, como era previsible nun contexto de pandemia. Así, máis da metade dos galegos (58,7%) merca xa por Internet, o que supón un incremento do 7,9%. O informe reflicte cocientes semellantes respecto da relación dos galegos coas administracións, sendo tamén máis da metade da poboación de Galicia (o 57,9%) a que realiza eses trámites administrativos vía online.
No ámbito empresarial, a dixitalización tamén se acelerou, e a investigación da Fundación fai saber que a porcentaxe de microeempresas con acceso Internet medra nun 5,7%, ata alcanzar o 78,5%, e a preocupación pola ciberseguridade fixo que a porcentaxe de empresas protexidas crecese 16 puntos, ata situarse no 67,4 por cento. “Outro indicador clave é a utilización das redes sociais por parte das empresas, que se disparou ata o 60,9% no caso das firmas con máis de dez empregados”, engádese.
En canto á conectividade dos fogares, o 92 % das vivendas de Galicia dispón de acceso a Internet de banda larga, fixa ou móbil, o que supón un aumento de 3,9 puntos máis respecto de 2019. No informe apúntase a que “se temos en conta tan só a banda larga fixa, a porcentaxe de fogares que dispón desta tecnoloxía alcanza xa o 77,5 por cento”.
A investigación, un completo compendio de datos relevantes sobre a pegada tecnolóxica actual dentro do panorama español (achegando información de interese por comunidades), pode consultarse a través da web da Fundación Telefónica.
A crise da COVID-19 disparou en Galicia o uso das redes sociais, as vídeo-chamadas e o ecommerce
Compartir Este Artigo

