A fase nacional do certame de proxectos espaciais CanSat vai contar coa presenza dun equipo de estudantes do IES David Buján de Cambre, que representarán á nosa terra na edición estatal do concurso logo de impoñerse a outra ducia de equipos nesta competición promovida pola Axencia Espacial Europea co apoio da Xunta.
A cita será o 15 de xullo en Granada. Alí terán ocasión de mostrar os seus coñecementos en enxeñaría aeroespacial a pequena escala. Presentarán o seu proxecto e lanzarán o pequeno satélite elaborado durante todo o proceso e, á súa vez, de proclamarse campións na fase nacional, poderán participar na fase europea CanSat 2021 da Axencia Espacial Europea (ESA) de xeito virtual en setembro.
O xurado, composto por Ángel Rodríguez, director do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); Aquilino Abeal Pérez, director de Aeromedia UAV; Fernando Aguado Agelet, profesor titular do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo; Neves Seoane, directora do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), e Xosé Manuel García, asesor TIC do Servizo de Innovación e Formación dos Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, elixiu a proposta destes alumnos entre os 11 equipos participantes.
Tivéronse en conta cuestións como a globalidade do seu proxecto, así como a claridade que os integrantes tiñan sobre a misión que debían levar a cabo.
Premios en diversas categorías
O xurado tamén valorou o traballo do resto de grupos. Así, na categoría de logros técnicos o premio foi para o equipo MontecasteloSAT do Colexio As Acacias-Montecastelo de Vigo, e o accésit para o SaviSAT do CPI Dr. López Suárez do Saviñao. Na categoría de valor científico o premiado foi o grupo Planeta RDT do IES Rego da Trabe de Culleredo e o accésit para o PonteSAT do IES Eduardo Pondal de Ponteceso. As competencias profesionais tamén tiveron recoñecemento e o equipo Ortesats, do IES de Ortigueira, recibiu este premio, mentres que o PonteSAT do IES Eduardo Pondal de Ponteceso foi accésit nesta categoría. Finalmente, a mellor difusión quedou nos dous grupos que participantes do IES Eusebio da Guarda da Coruña. O MeteoSputnik foi o gañador e o Breogán XII o accésit.
Segundo informa a Consellería de Cultura e Educación, a edición 2021 de CanSat contou coa participación de máis de medio cento de estudantes de nove institutos. Organízase este ano por segunda vez baixo o impulso da dita Consellería (coa colaboración específica do departamento Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación, CAFI, de Santiago) e a Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía no marco do programa de fomento das vocacións científicas da Civil UAVs Initiative.
Os futuros enxeñeiros espaciais do IES de Cambre representarán a Galicia na fase nacional de CanSat
Compartir Este Artigo

